Pesar na Galiza polo pasamento dun estudante ourensán despois de caerlle enriba unha parede do seu instituto

Pavillón do IES Julio Prieto Nespereira. (Foto: Rosa Veiga)
Outro rapaz resultou ferido. A xustiza xa solicitou a redacción dun informe técnico.

*Esta información foi actualizada ás 17.37 horas do 26 de outubro

Un adolescente faleceu e outro resultou ferido ao caer unha parede dun vestiario do instituto Julio Prieto Nespereira, situado no barrio do Vinteún da cidade de Ourense. O suceso, segundo trasladou o CIAE 112 Galicia, tivo lugar minutos antes das 14 horas desta cuarta feira.

A esa hora foi cando os servizos de emerxencia recibiron o primeiro aviso do sucedido. Até o lugar desprazáronse as Urxencias Sanitarias, os bombeiros de Ourense e a Policía Local.

As dúas vítimas quedaron atrapadas debaixo dos restos e foi necesaria a intervención dos bombeiros para liberalas. Con todo, unha delas faleceu no lugar, mentres que a outra foi evacuada de emerxencia a un centro. hospitalario.

Tanto o falecido como o ferido cursaban 3º de ESO e acababan de rematar unha clase de Educación Física.

Ao IES Julio Prieto Nespereira mobilizouse tamén un equipo de psicólogos do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza para prestar asistencia á familia e compañeiros do falecido. Os integrantes da Consellaría de Educación e o delegado da Xunta en Ourense suspenderon a súa axenda tras coñecer o suceso.

O xulgado pide un informe técnico

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense acordou a realización dun informe técnico sobre o estado do muro caído no IES Julio Prieto Nespereira.

Segundo informaron fontes xudiciais, este xulgado asumiu o caso ao atoparse en funcións de garda. A maxistrada desprazouse até o IES, onde autorizou o levantamento do cadáver e ordenou precintar a zona até que se determinen as causas e posíbeis responsabilidades do sucedido.