Piden eliminar a contención en pacientes de Psiquiatría: "Non ten carácter terapéutico, non hai escusas"

'Performance' na praza do Toural de Compostela, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia que é unha práctica de consecuencias "lesivas".

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) promoveu esta terza feira un acto baixo o lema "Saúde mental sen ataduras. Contencións cero", con motivo do Día dos Dereitos Humanos. Unha efeméride que ten lugar cada 10 de decembro e que neste 2023 recaeu, na tarde de hoxe, en Santiago de Compostela.

Cun acto simbólico na praza do Toural, o colectivo denunciou a persistencia de prácticas coercitivas na atención á saúde mental. Foi obxectivo do acto tamén "sensibilizar a sociedade sobre as consecuencias lesivas que estas prácticas teñen na vida e dignidade das persoas", sinalan desde o colectivo.

A contención mecánica é a acción mediante a cal se inmobiliza unha persoa, usualmente a través de correas de suxeición e fixándoa xeralmente a unha cama. Deste modo, limítase o seu movemento e a súa autonomía, "sendo a persoa reducida ao espazo que ocupa o seu corpo. Non ten carácter terapéutico e está considerada como unha práctica que vulnera os principios da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, tratado internacional vinculante para os Estados asinantes, entre eles España", indican no manifesto.

Desde o MGSM apuntan que "existe evidencia contrastada que demostra a posibilidade real de erradicación do uso das contencións mecánicas nos servizos asistenciais e sociosanitarios, e están claramente definidos os procedementos". "Non hai escusas. As contencións mecánicas deben eliminarse. É un proceso ineludíbel no que o Goberno da Xunta da Galiza debe implicarse de maneira decidida", conclúen.

En xuño deste ano, o PP vetou unha proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento galego na que se reclamaba "a erradicación das contencións mecánicas como método terapéutico". Por outra parte, o CSIF reclamou esta terza feira á Xunta que o Plan de saúde mental inclúa dotación para prazas de terapeuta ocupacional.