Entrevista

Pilar Soengas: "As brásicas galegas teñen propiedades anticanceríxenas"

A bióloga Pilar Soengas. (Foto: Nós Diario)
Pilar Soengas é investigadora da Misión Biolóxica da Galiza, no Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica das Brásicas. Repolos, nabizas ou nabicol  son tradición nas hortas e pratos do país, e a ciencia dá a razón: os antioxidantes e as substancias anticanceríxenas fan da Verdura Atlántica o noso superalimento.

—A Misión Biolóxica da Galiza, do CSIC, leva moito tempo investigando as básicas galegas?
Perto de 20 anos levamos traballando, non só na mellora, frdicamos bastantes anos a recoller variedades de brásicas por toda Galiza, pedindo variedades plantadas nas casas, algunhas delas son moi antigas. Temos un banco de sementes de variedades galegas de repolo, verza, nabicol e grelo. Hai unhas 600 en total. Estudamos o seu rendemento, o aspecto, a bioquímica e os marcadores moleculares. Das 600, moitas son a mesma variedade con outro nome, pero teñen a mesma orixe. Temos este banco de sementes de variedades locais, non comerciais, son variedades de pequenas hortas familiares. 

—Que cualidades posúen?
Nutricionalmente son moi boas, úsanse nos pratos tradicionais galegos e non requiren de moitos abonados porque son máis rústicas. Non precisan tanto abonado nin produto fitosanitario como as variedades comerciais que se compran. Podemos melloralas e obter novas variedades comerciais coa base das variedades locais da Galiza. 

—Que melloras conseguiron?
As plantas, como as persoas, teñen enfermidades, algunhas delas bacterianas. Hai unha moi recorrente que é a podredume negra causada por unha bacteria. Tentamos mellorar as verzas para que sexan máis resistentes a esta enfermidade. No caso do repolo son as larvas dunha bolboreta, que comen as follas. As plantas producen de forma natural sustancias que repelen os insectos e tamén sustancias antibióticas, buscamos plantas deste tipo para seleccionalas e obter unha variedade máis resistente a estas larvas.

—Estas verduras, son de verdade anticanceríxenas?
Temos programas de mellora para tentar aumentar o contido en glucosinolatos das nosas variedades. Son sustancias presentes nas brásicas que teñen unha actividade anticancerixena. Fixéronse experimentos con liñas celulares de cancro in vitro e aínda se está estudando moito. Son compostos moi interesantes. Obtivemos variedades de verza, de repolo, de nabicol e de grelo enriquecidas nestes compostos. Hai que ter un aporte constante de verdura na dieta, e as brásicas teñen propiedades anticanceríxenas, e tamén moitos antioxidantes que son moi interesantes para a saúde.

—Logo as brásicas galegas son “superalimentos”…
A etiqueta de “superalimento” é algo de márketing, é o que lle falta ás nosas variedades para poder vendelas, o demais xa o teñen. Temos o produto, o que nos falta é comercializar, por iso creamos a etiqueta de “Verdura Atlántica”, para pór en valor as propiedades que teñen as nosas verduras.

—A dieta atlántica é mellor que a famosa dieta mediterránea?
Non se pode dicir que sexa mellor, porque a atlántica non está tan estudada como a mediterránea. O que si se sabe é que as verduras teñen propiedades interesantes relacionadas coa saúde, e son orixinarias da costa atlántica.

—Danse por igual en toda Galiza?
As verduras están en todas partes, hai en zonas que se dan mellor que noutras. Grelo e nabiza danse mellor pola zona de Santiago e Lugo, pero tamén se cultivan nas Rías Baixas. O nabicol no norte da Galiza case non se produce, máis no sur pola proximidade con Portugal, onde tamén se cultiva, chámanlle cobenabiza e é moi típico dos seus caldos verdes. 

—Unha pregunta comprometida, o cocido, con repolo ou con grelo?
 Iso é para gustos. Meu pai é da zona de Monterroso e alí se fai con verza e repolo. Depende dos gustos e do que te ensinaron na casa, da tradición.

Testar para comercializar

As brásicas galegas son de consumo doméstico, até agora, porque a Misión Biolóxica da Galiza está empeñada na súa comercialización coa etiqueta Verdura Atlántica. Pilar Soengas explica que logo de recoller as distintas variedades, agora "trátase de probalas todas e ver como se comportan respecto a testemuñas comerciais, para tentar rexistralas previamente á súa comercialización".

O traballo destas científicas permitiu "adaptar nabizas e grelos a condicións máis secas". E semella que funciona, xa que un investigador andaluz, Antonio de Haro, "está cultivando desde hai anos grelos e nabizas en Córdoba, e está conseguindo unha boa producción", di Soengas, "estivo varios anos seleccionando plantas adaptadas a un clima máis seco". Explica que "teñen que cultivar co ciclo máis curto, porque a partir do mes de marzo xa empezan a ter temperaturas moi altas".