O piñeiro araucano de Soutomaior opta a ser árbore europea do ano

Imaxe: Deputación de Pontevedra

É a única árbore galega que opta a pasar á fase europea do concurso entre as dez candidatas do Estado español. O prazo para o voto cidadá remata esta sexta feira.

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), impulsou a candidatura do piñeiro araucano dos xardíns do Castelo de Soutomaior como ‘Árbore Europea do 2019’. É a única árbore galega que opta a pasar á fase europea do concurso entre as dez candidatas do estado español e precisa do voto cidadán, a través da páxina do certame. A campaña a favor do piñeiro araucano do Castelo de Soutomaior rematará a sexta feira 23 e leva activa dende o pasado 23 de outubro.

 

O piñeiro araucano é unha peza botánica singular, tanto dende o punto de vista da súa morfoloxía como pola súa historia dentro do Castelo de Soutomaior. A ‘Araucaria araucana’ ten uns 150 anos, alcanza os 27 metros de altura –é das máis altas do Estado-, e ten 2,67 metros de perímetro basal, o que a sitúa entre as de maior envergadura de Europa.

 

A importancia desta árbore é tal que existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia (as primeiras son de 1879); tamén aparece no libro ‘Árboles chilenos del mundo’ escrito por Rodrigo Fernández Cargo; e está incluída na web monumentaltrees.com, onde se recollen pezas botánicas destacadas de todo o mundo.

 

Esta é a segunda ocasión na que unha árbore galega é presentada ao certame de Árbore Europea do Ano, en 2016 candidatárase unha metasequoia de Lourizán.