Unha pioneira sentenza consegue que as usuarias consigan reembolsos tras o fechamento dunha empresa

Centros Ideal (Foto: Centros Ideal).
O Despacho Alonso & Padín Abogados conseguiu unha sentenza pioneira no Estado español pola que se condena ao grupo de empresas Dibea Estetic.

O Despacho Alonso & Padín Abogados, con sede en Sanxenxo (O Salnés) e na Coruña, que hai apenas un mes conseguía para un dos seus clientes o perdón dunha débeda de máis de 5 millóns de euros pola lei da segunda oportunidade, agora conseguiu unha sentenza pioneira no Estado español pola que se condena ao grupo de empresas Dibea Estetic.

O conglomerado, formado por unha vintena de empresas entre as que pertencían as clínicas de estética Centros Ideal, foi condenada ao reembolso do importe dos tratamentos que se tivesen pagado e que non se van percibir.

A responsabilidade das empresas que forman o grupo é solidaria, isto é que en caso de non facer o reembolso voluntariamente poderase dirixir a execución da sentenza contra calquera delas.

Fechamento en decembro

Os Centros Ideal fechaban o 18 de decembro de 2023 sen dar explicacións, deixando na estocada a moitos usuarios e usuarias que xa pagaran por adiantado o tratamento e a outras que subscribiran un contrato de crédito vinculado cunha entidade financeira para financiar o servizo.

Este foi o caso do cliente deste despacho, que contratara un bono e pagara por adiantado os servizos de depilación, sen que puidese esgotar as sesións na súa totalidade antes do fechamento dos centros a finais do anos pasado.

Segundo a sentenza conseguida polo despacho Alonso & Padín Abogados, pola que se consegue resolver o contrato, as usuarias teñen dereito a que calquera das empresas do grupo Dibea devolvan o pagamento polos servizos non consumidos, neste caso uns 500 euros.

No caso de que se financiasen os servizos, a resolución do contrato principal implicaría a finalización do contrato coa financeira, que tería que devolver as cantidades que se pagaron por un servizo non prestado. Tras esta sentenza o despacho vai continuar coas accións para a reclamación do resto das persoas afectadas polo fechamento.