A piques de coñecer as notas da ABAU: estes son os pasos para a inscrición na universidade

Estudantes agardando para entrar nas probas da ABAU (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Tras uns días nos que o alumnado poderá solicitar unha revisión das correccións, a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) abrirá a vindeira cuarta feira, 19 de xuño, a preinscrición para entrar nunha das universidades públicas da Galiza.

O alumnado que a semana pasada participou na convocatoria ordinaria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) deste ano recibirán esta quinta feira, unha semana despois de finalizados os exames e de forma telemática, as notas coas que buscarán acceder aos graos o próximo curso.

A partir de entón, os tempos empezarán a correr. Tras uns días nos que o alumnado poderá solicitar unha revisión das correccións, a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) abrirá a vindeira cuarta feira, 19 de xuño, a preinscrición para que o estudantado que superase a convocatoria ordinaria poida aspirar a entrar nunha das universidades públicas da Galiza -Santiago, A Coruña ou Vigo-.

Este prazo xa se abriu esta cuarta feira, día 12, para persoas que se examinasen da selectividade en anos anteriores. Tanto nun caso como no outro, o último día para a preinscrición será o 1 de xullo ás 14 horas. Neste paso, cada alumno e alumna terá que deseñar unha listaxe, ordenada por preferencia das titulacións ás que quere tentar acceder coas súas cualificacións.

Até nove chamamentos

Unha vez realizado isto, entre os meses de xullo e outubro iranse publicando progresivamente até nove listados de admitidos e admitidas ordenadas pola nota que teña cada aspirante, até un máximo de 14 puntos. As primeiras sairán a terza feira 9 de xullo, coa posibilidade de matricularse entre o 10 e o 11.

Aínda que a tendencia dos últimos anos é que a maioría das carreiras xa fechan a admisión no primeiro chamamento, aínda haberá algúns máis para cubrir as prazas que quedan: o segundo a segunda feira 15 de xullo, con matrícula do 16 ao 17, e o terceiro a sexta feira 19 de xullo, con prazo para formalizar a inscrición do 20 ao 22. Na cuarta chamada, que será o 24 de xullo, xa se poderán unir os que se examinen da ABAU na convocatoria extraordinaria, que decorrerá da terza feira 2 á quinta feira 4 de xullo.

As notas de corte, unha mera referencia

Para elaborar as súas listaxes de titulacións universitarias preferidas, a CiUG ten publicadas na súa web as notas de corte de cada grao. Con todo, hai que ter en conta que só é unha mera referencia, xa que a nota que aparece nesta listaxe é simplemente a correspondente ao último alumno ou alumna que entrou o ano pasado.

Como adoita ocorrer todos os anos, as notas de corte máis altas son as dos dobres graos en Matemáticas e Física, que o curso pasado fecharon 13,456, e en Enxeñaría Informática e Matemáticas, en 13,000. Ambas as impártense na Universidade de Santiago de Compostela (USC). As seguintes coas notas máis altas foron Medicina (12,690), Odontoloxía (12,426) e o dobre grao en Educación Infantil e Primaria (12,494), tamén pola USC.

Notas cun máximo de 14

As cualificacións da ABAU son de até 14 puntos. Até 10 puntos correspóndese coa fase xeral, que combina a media das notas de Bacharelato -até 6 puntos- coa media dos exames de selectividade das materias comúns -até catro-. Os catro puntos que faltan até o 14 saen da coñecida como fase específica, na que se contan os exames de dúas materias de modalidade que escolle cada alumno ou alumna.

Unha das novidades da ABAU deste ano é que terá lugar, a vindeira sexta feira 21 de xuño, dun acto multitudinario no Coliseo da Coruña no que se recoñecerá ao estudantado coas mellores notas e aos seus centros de procedencia. Até este ano, era un evento que organizaba a USC, mais a partir de agora organizarano as tres universidades públicas galegas coa colaboración da Xunta da Galiza.