Sanidade

O plan de continxencias do Sergas non resolve os colapsos: "Estamos sobrepasados"

Pacientes e familiares amoreados nos corredores do CHUS esta semana. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
A vaga de infeccións respiratorias leva dúas semanas saturando Urxencias e centros de saúde. O plan de continxencias activado estes días pola Consellaría de Sanidade para facer fronte a esta situación non resolve o problema, denuncia o persoal do Sergas, que advirte da acumulación de pacientes en corredores á vez que hai camas "fechadas".

Hai unha semana era Ana, enfermeira no CHUS compostelán, quen resumía a Nós Diario cun "estamos petando" a situación do persoal ante a saturación de servizos pola vaga de infeccións respiratorias; esta quinta feira era Mónica, enfermeira no HULA lugués, quen apuntaba  a este medio que "estamos sobrepasadas". A vaga de gripe A e virus sincitial, co aumento de casos de coronavirus, continúa a avanzar e, apuntan as profesionais, o plan de continxencias do Sergas non está a servir. 

Mónica Roca, enfermeira no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e delegada da CIG, indica que nas Urxencias do centro había na mañá desta quinta feira 16 persoas pendentes de que se lles asignase unha cama. Mentres, denuncia, hai unha planta do hospital fechada, "onde existen unhas 30 camas que poderían estar empregándose e non se fai, mentres a xente agarda horas en Urxencias a que fique unha baleira para poder ser trasladada".

No Hospital Clínico Universitario de Compostela as denuncias veñen desde os propios pacientes e usuarios a través da súa asociación. Xa son varias as xornadas nas que os corredores de Urxencias están "colapsados" con pacientes con orde de ingreso mais agardando por unha cama. Esta cuarta feira chegou a haber "19 pacientes cualificados pola triaxe como graves" que permanecían "colocados nos corredores en cadeiras de rodas e padiolas" agardando a seren atendidos. 

Na Coruña, o persoal afirma que están tendo que prestar atención a un número "moi alto" de pacientes estes días cun persoal reducido e sen que haxa reforzos. Neste sentido, Roca apunta a que o reforzo no HULA limitouse a "só un médico máis e durante 12 horas", sen ampliar o persoal de Enfermaría ou celadores —entre outras funcións, encargados do traslado de pacientes—, polo que a saturación "non se resolve". 

En Vigo, por outra parte, xa se aplica unha redución e adiamento das intervencións cirúrxicas e tan só se levan a cabo aquelas máis urxentes, denominadas de "prioridade un". Fontes sanitarias indican que hai pacientes que en hospitais como o Álvaro Cunqueiro agardan máis de 24 horas por unha cama. 

Desde o colectivo Enfermeiras en Loita denuncian: "A ratio enfermeira-paciente nos hospitais xera unha carga de traballo inasumíbel e un deterioro da calidade asistencial, xa coñecidas". O problema non se circunscribe á atención hospitalaria e tamén se dá na Primaria, aguillada por unha falla de medios e persoal que os sindicatos achacan a "anos de políticas de recortes". 

Sen chegar ao pico

O número de ingresos por gripe e a taxa de consultas en Atención Primaria da última semana do ano 2023 bateron as marcas das cinco tempadas anteriores. Até o momento, morreron 73 persoas diagnosticadas con este virus, dos que 23 considérase que o fixeron por gripe. Esta quinta feira hai 904 persoas ingresadas por ou con gripe nos hospitais, dos que 42 están en UCI.