Unha plantación ilegal de eucaliptos dana en Vilalba unha das mámoas de Pedra Grande

Imaxe: Mariña Patrimonio

Fai parte dun dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes de Galiza.

Unha plantación ilegal de eucaliptos danou unha das mámoas que fai parte de Pena Grande en Vilalba, un dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes de Galiza. Denúnciano Adega e Mariña Patrimonio, que puxeron os feitos en coñecemento do Seprona.

 

“Este ben patrimonial foi danado como consecuencia dos profundos sucos realizados sobre a masa tumular no transcurso dos traballos forestais. Todo parece indicar que esta plantación afectou tamén a cámara da mámoa ao remover parte da súa estrutura”, afirman.

 

A Mámoa 9 forma parte dun sitio arqueolóxico de gran valor, conformado por dez túmulos xunto con dous abrigos paleolíticos. En novembro de 2017 Pena Grande foi noticia ao pretender o Ministerio de Facenda subastar por 7.700 euros os terreos onde se atopan os importantes vestixios arqueolóxicos. A poxa paralizouse grazas ao labor desenvolvido por varias asociacións que defenden o patrimonio.