Galiza concentra máis da metade do eucalipto do Estado, que ocupa perto de 14% do total do territorio galego

A directora da EPS , Ana Romero, a delegada do reitor da USC en Lugo, Elena López, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, presentando esta terza feira o inventario forestal. (Foto: USC)

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPS) do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu nesta segunda feira a presentación dos resultados preliminares do Inventario Forestal Continuo da Galiza (IFCG), elaborado por diversos equipos de investigación da USC e da Universidade de Vigo.

As cifras achegadas polo Inventario Forestal Continuo da Galiza de 2023 sinalan que as plantacións de frondosas caducifolias ocupan 634.847 hectáreas, as de coníferas, esencialmente piñeiros, 428.960 hectáreas e as de eucaliptos 413.086 hectáreas. Segundo sinala a Nós Diario un dos coordinadores do traballo, César Pérez Cruzado, as maiores masas de eucaliptos atópanse nas áreas costeiras, “onde o estrato eucalipto sería de 29,6 millóns de metros cúbicos (m3), mentres que para o estrato coníferas sería de 13,2 millóns de m3. En termos de volume medio por rodal, as estimacións provisionais para 2022 serían de 188 metros cúbicos por hectárea (m3/ha) para o eucalipto e 173 m3/ha para as coníferas”.

Pérez Cruzado, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e director do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA), apunta que as estimacións sobre a superficie forestal da zona costeira “proceden dos datos obtidos por un voo LiDAR -foto aérea- de 2019” e as da área interior son máis antigas, ao ser o último voo LiDAR para esa zona de 2015. Asemade, explica as diverxencias entre o Inventario Forestal Continuo da Galiza e o Cuarto Inventario Forestal Nacional (IFN 4), elaborado polo Goberno do Estado en 2013, por empregar “unha metodoloxía diferente”. Nesta liña, o inventario do Executivo estatal situaba a superficie plantada de eucalipto na Galiza en perto de 500.000 hectáreas.

O Inventario Forestal Continuo da Galiza indica que o eucalipto ocupa 13,9% do total do territorio galego. Na mesma dirección, significa como as plantacións desta especie non deixaron de medrar nos últimos 50 anos, pasando de 131.000 hectáreas en 1973 a 413.086 hectáreas en 2023, equivalendo a 562.021 campos de fútbol do tamaño do estadio de Balaídos de Vigo.Unha parte importante das plantacións de eucaliptos realizadas neste período foron ilegais, xa que o Plan forestal galego do ano 1992 permitía un máximo de 245.000 hectáreas de eucalipto para 2032, cifra claramente superada á vista do certificado polos rexistros públicos.

54,3% do eucalipto do Estado

As plantacións galegas de eucalipto representan 54,3% do total do Estado español e 27,5% do conxunto do continente europeo. Segundo os datos do colectivo ecoloxista Greenpeace, a península Ibérica concentra 1.406.000 hectáreas, 760.000 no Estado español e 646.000 en Portugal. Precisamente, o Estado luso aplica desde 2018 unha norma que prohibe a plantación de eucaliptos até 2030, no marco dunha política de prevención dos incendios forestais. Ao tempo, Italia ten ocupado por esta especie ao redor de 70.000 hectáreas e Francia perto de 10.000, non contando ningún outro Estado europeo con plantacións desta especie, que suma 1.500.000 hectáreas en todo o continente.

As cifras do eucalipto

A superficie ocupada polo eucalipto na Galiza supera en extensión a doutros Estados considerados como grandes produtores desta especie. Neste sentido, Greenpeace afirma que as plantacións desta especie en Chile son de 232.000 hectáreas, no Uruguai de 217.000 hectáreas, en Nova Zelandia de 150.000 hectáreas, en Sudáfrica de 100.000 hectáreas, en Etiopía de 100.000 hectáreas e na China de 48.000. A este respecto, científicos como o catedrático de Botánica da USC Santiago Ortiz consideran que “a alta densidade de eucaliptos existente na península Ibérica é toda unha anomalía” e “non se pode explicar por razóns climáticas”.

O avance do monte na Galiza

O Inventario Forestal Continuo da Galiza de 2023 dá conta do avance da superficie arborada na Galiza. Segundo os datos fornecidos pola  Enquisa sobre superficies e rendementos de cultivos de 2023, elaborada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a masa forestal ocupa 1.794.483 hectáreas, que representa 60,7% do territorio galego e 5,7% do estatal. A porcentaxe de superficie ocupada polo monte na Galiza é moi superior á media do Estado español e á media dos países da Unión Europea (UE). Mentres no espazo estatal representa 38,4% do total do territorio, no conxunto comunitario significa o 38,6%.

O incremento da superficie forestal vai ligado a unha caída da superficie agraria útil (SAU). Segundo as cifras do último Censo Agrario, documento elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) cada 10 anos seguindo unha metodoloxía común a todos os Estados do espazo comunitario, en 2020 a SAU galega sumaba 597.933 hectáreas na Galiza, o que representaba 131.181 hectáreas para a actividade agraria menos que en 1986. Significaba así unha redución de 15,9% na extensión das terras de cultivo e de até 72,9% no número de explotacións.

O modelo de xestión forestal

A profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en cuestións agrarias Mar Pérez Fra explica a Nós Diario que “non estamos en condicións de continuar co actual modelo de xestión forestal, porque iso compite cos usos agrarios e, se queremos explotacións competitivas, teñen que ter base territorial”. Neste sentido, Mar Pérez Fra advirte de que “as explotacións non conseguen xerar rendibilidade pola falta de base territorial” na Galiza.

A celulosa de Altri podería agudizar o proceso de eucaliptización na Galiza

Unha das críticas realizadas desde colectivos ecoloxistas e a plataforma Ulloa Viva ao proxecto de Altri de instalar unha celulosa en Palas de Re (A Ulloa), é que provocaría un aumento das plantacións de eucalipto na Galiza. Neste sentido, o doutor en Enxeñaría de Montes e profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría da USC, Eduardo Corbelle, apunta a Nós Diario que “a celulosa de Altri vai agudizar o proceso de eucaliptización e obrigar a aumentar a masa forestal desta especie”. Precisamente, durante a mobilización desenvolvida o domingo 30 en Compostela contra a proposta da multinacional portuguesa fíxose referencia ao seu impacto no incremento da superficie de eucalipto no país.

Alfonso Rueda

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, referiuse esta terza feira á esta protesta contra Altri. Neste sentido, acusou o BNG de “politizar” a mobilización e indicou que “como [os nacionalistas] perderon outra vez as eleccións, decidiron que tiña que ser un proxecto que teñen que tombar, igual que xa están a falar de tombar outro proxecto acordado como proxecto industrial estratéxico a semana pasada”, en relación coa mina de Touro, na comarca de Arzúa.

A secretaria de organización adxunta do PSdeG, Ana Pena, criticou a Xunta da Galiza de "escurantismo" coa proposta de Altri. Nesta dirección, afirmou que "se trata dun proxecto que ten un impacto importante para Galiza e necesitamos coñecer o impacto ambiental, económico e laboral ou cuestións tan fundamentais como a que se van a dedicar esas instalacións".