A Plataforma en Defensa da Pesca avalía rebater a sentenza do Tribunal Supremo sobre a reserva de áreas para a eólica mariña

A Plataforma anunciando as mobilizacións (o avogado Torcuato Teixeira falando cos medios) en Navia, Asturias, o pasado mes de marzo (Foto: Nós Diario).
O colectivo anuncia que se reunirá o 22 de xullo para analizar a decisión do Supremo de desestimar o recurso que presentou a Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños.

O Tribunal Supremo (TS) avalou o Real Decreto 150/2023 polo que se aproban os planes de ordenación do espazo marítimo das cinco demarcacións mariñas estatais por non apreciar desviación de poder ou arbitrariedade. 

O Supremo desestima, desta maneira, o recurso que presentou a Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños, que denunciaba que o Real Decreto presentaba unha "inclinación evidente" por dar prioridade á implantación da enerxía eólica mariña en "detrimento" do sector pesqueiro, ignorando "conscientemente a existencia de zonas de pesca preexistentes". 

Valoran impugnar

A plataforma, nunha primeira valoración a través dun comunicado asinado polo seu portavoz, Torcuato Teixeira, asegura que "o feito de que o Supremo non admitira que se acheguen como proba os informes do Instituto Nacional de Oceanografía (IEO) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) sobre o impacto da eólica mariña nos ecosistemas mariños e caladoiros de pesca é un grave defecto desta sentenza".

Por este motivo, o colectivo entende que se que se xerou "indefensión xurídica á Plataforma demandante, polo que se valorará a impugnación deste sentenza ante o Tribunal Constitucional".

Desde a plataforma anuncian que se reunirán o vindeiro 22 de xullo en Burela (A Mariña) na sede da confraría desa localidade para facer unha valorar en profundidade a sentenza e anunciar as accións que decidan realizar.

Na sentenza, os maxistrados insisten en que os plans recorridos tomaron en consideración nas súas decisións de ordenación unha "copiosa información atinente á actividade pesqueira", e obrigan, ademais, a ter en conta en "todo momento" a actividade pesqueira.