A Plataforma en defensa do tren denuncia que os trazados na Galiza foron feitos ''para primar a comunicación con Madrid''

Sinalización do apeadeiro de Maside [SG]

Convocan unha concentración "contra a privatización do ferrocarril e a segmentación de Renfe e Adif que proxecta o goberno do Estado". Será ás 19.30h na estación de comboios de San Cristovo, na Coruña


"O deseño do camiño de ferro primou a comunicación con Madrid e non a articulación da comunicación interna entre as poboacións e comarcas do País". Así de contundente está redactado o Manifesto por un tren público e social queesta cuarta feira ás 19.30h será lido na estación de comboios de San Cristovo, na Coruña, onde a Plataforma pola defensa do tren ten convocada unha concentración "contra a privatización do ferrocarril e a segmentación de Renfe e Adif que proxecta o goberno do Estado".

O colectivo naceu hai unhas semanas na Coruña precisamente para artellar un movemento de oposición ao peche de estación e a eliminación de frecuencias, recortes patrocinados polo ministerio de Fomento. Aliás, tamén rexeitan o proceso de privatización do servizo de comboios que o Goberno español se comprometeu a realizar antes do 31 de xullo e que se viu adiado polo sinistro de Angrois. A idea de Madrid é fragmentar Renfe en catro empresas para dar entrada a operadoras privadas no transporte de viaxeir@s.

"Os luctuosos feitos de Angrois obrígannos a poñer o acento nunha das cuestións que esta Plataforma leva denunciando desde a súa constitución: os recortes e a falta de investimento poñen en risco a seguridade e integridade de vidas humanas", recalca o colectivo, subliñando que a alta velocidade (AVE) "non é a solución" porque "non vertebra o territorio, non é viábel, supón unha desfeita medioambiental e vai ter unhas consecuencias económicas terríbeis".

A Plataforma denuncia que o Plan de racionalización de servizos ferroviarios de media distancia que presentou o ministerio de Fomento "é un ataque ao noso sistema ferroviario", pois contempla a desaparición de estacións con baixos índices de utilización e a redución de servizos noutras até o punto de facer inviábel a súa utilización práctica. No caso do servizo entre A Coruña e Ferrol pon en cuestión a propia existencia futura do servizo.

No seu Manifesto, o colectivo reclama que o de comboios se manteña como servizo de titularidade pública "onde prime o beneficio social por riba doutras consideracións económicas" e reclaman, entre outras cuestións, que os gobernos galego e español invistan no ferrocarril convencional "para recuperalo do seu prolongado abandono".