A Plataforma en defensa da pesca busca o amparo do Constitucional para anular a implantación da eólica mariña

Unha bandada de gaivotas fronte a un parque de eólica mariña nos Países Baixos. (Foto: Gigra)
A entidade vén de impulsar un recurso de amparo contra a sentenza do Tribunal Supremo que desestimou a solicitude de anulación dos plans de ordenación do espazo mariño aprobados en 2023.

A Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños non cesa no seu empeño de paralizar os plans, xa aprobados, de ordenación do espazo marítimo das cinco demarcacións mariñas do Estado español.

Segundo defende a asociación e ratificou o pasado 22 de xullo en Burela (A Mariña), "a sentenza ditada polo Tribunal Supremo causa indefensión xurídica" ao conxunto do sector pesqueiro "ao non poder contar con todos os medios de proba que acreditasen a vulneración do Principio de Precaución que supón a aprobación dos POEM e isto supón unha clara vulneración do artigo 24 da Constitución", explica nun comunicado dirixido aos medios. É por iso que a entidade vén de recorrer esta sentenza ante o Tribunal Constitucional pedindo a súa anulación.

Impacto da eólica sobre a pesca e os ecosistemas

A Plataforma solicitou no seu momento información sobre o impacto dos plans aprobados nos caladoiros de pesca e, de forma concreta, como poden afectar as instalacións da eólica mariña ás campañas do bonito, da sardiña, da xarda e do bocarte, tendo en conta os ruídos, vibracións, cambios de correntes ou enerxías electromagnéticas dos cables que poden chegar a emitir.

Ademais destes informes a plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños tamén requiriu estudos sobre os stocks presentes nas zonas potenciais para a eólica mariña e a súa situación biolóxica, información, di, que foi "desprezada", no seu conxunto. "O Tribunal Supremo considerou de forma arbitraria que toda esa información era 'totalmente innecesaria e absolutamente desproporcionada', segundo palabras textuais do auto desestimatorio destas probas solicitadas en tempo e forma".

No recurso que a asociación vén de presentar ante o Constitucional denuncia que o Goberno español aprobou os POEM malia "a inexistencia de coñecemento científico con respecto ao impacto que unha tecnoloxía tan recente e inexplorada como a eólica mariña pode chegar a provocar sobre os recursos vivos e a actividade pesqueira".

A delimitación de zonas para implantar estas industrias, defende a plataforma, vulnera o Principio de Precaución. Isto supón unha "ameaza de danos ao ecosistema mariño", polo que deben adoptarse medidas precautorias e non poderán levarse a cabo accións que poidan provocar efectos irreversíbeis".

Até os Tribunais Europeos

A Plataforma en defensa da pesca e os ecosistemas mariños considera inxustificado o rexeitamento que o Tribunal Supremo [a través da súa Sala do Contencioso Administrativo, Sección Quinta, sentencia nº 1248/2024 do 11 de xullo do 2024 ditado no Recurso Ordinaria nº 556/2023] fixo das probas propostas polo entidade, ante a imposibilidade de valorar e probar os posíbeis danos "nas zonas propostas para a implantación da eólica mariña na norma que se impugnaba".

"Esperamos pois a anulación da devandita sentenza, e que se practiquen as probas sobre os impactos destas industrias nos ecosistemas mariños e nos diferentes stocks pesqueiros, e en base a esa información se dite nova sentenza", reclama a entidade.

A plataforma entende que hai motivos "máis que suficientes" para anular a sentenza do Supremo por parte do Tribunal Constitucional, mais advirte que de non atender a súa reclamación, "acudiremos aos Tribunais Europeos para amparar as nosas xustas pretensións en defensa do interese xeral que supón a preservación dos nosos ecosistemas e do noso sector pesqueiro".