A plataforma pola convivencia co xabarín esixe explicacións á Xunta
Acabada de crear, a plataforma pola convivencia co xabarín Con-Ética de Lugo esixe explicacións á Xunta polo seu “plan de control” do animal na cidade.
Segundo as intencións da Xunta, explica a asociación nun comunicado, 30 animais serán sacrificados. Con-Ética quere coñcer “os informes e os estudos en que se basea o plan de medidas, a avaliación das distintas alternativas de prevención e control e o calendario de accións”.
A plataforma tamén pide os datos sobre “incidencias e accidentes” causados polo xabarín no Concello de Lugo, ou as cifras “das que se dispoña” ao respecto. A Xunta pretende iniciar o seu plan “con carácter inminente” polo que Con-Ética reclama “unha resposta” ás súas peticións “na maior brevidade posíbel”.
“A Xunta debe priorizar as medidas de prevención por diante de calquera medida letal”, engade a agrupación, “e devolver os animais ao seu hábitat, tal e como propuxo o BNG, no canto de sometelos ao estrés do confinamento e gaiolas e ao transporte a un centro para o seu sacrificio”.
Con-Ética afirma que devolver os exemplares ao seu medio faciltaría o estudo do seu comportamente e a comprobación de “se teñen ou non tendencia a volver aos núcleos poboacionais. Serían datos de grande interese para a prevencións da aparición dos animais nas vilas”.
Á plataforma Con-Etica adherírionse numerosas asociacións e mesmo algún partido, entre elas Adega, Petón do Lobo, Anonymous for the Voiceless Lugo, Vox Anima, Cova Crea, Ridimoas, Equo, o grupo de estudo dos animais silvestres Geas ou Lugo Animal Save.