Sete plataformas veciñais constitúen a primeira rede galega contra proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas

Parque eólico. Foto: EGA

Están favor das enerxías renovábeis e sostíbeis mais, acrecentan, só se son “ben planificadas e teñen en conta ás poboacións locais”.

Sete plataformas, que actúan en dez concellos, veñen de poñer en marcha primeira rede galega contra proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas. Unha reunión a pasada fin de semana na Casa da Cultura de Mazaricos deu pé a este colectivo, que que facer fronte aos “impactos negativos” que poidan ter estes proxectos.

“O obxectivo desta rede é visibilizar e denunciar o problema da non planificación da produción eléctrica e as súas consecuencias, frear os parques eólicos e liñas de alta tensión abusivas e inxustas, e defender o territorio”, indican nun comunicado. 

Denuncian que estes proxectos están baseados “nunha lexislación obsoleta e que favorece á implantación dos parques eólicos, sostidos con capital estranxeiro”, por riba do “benestar, da saúde e da economía das poboacións locais”, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións. 

Esta nova organización aclara que non se opón á produción de enerxía eólica, pero si a aqueles proxectos “que se dispoñen sen planificación no territorio e que non implican máis que consecuencias moi negativas para toda a veciñanza”.  

As plataformas que se unen nesta rede son: Asociación de Veciños 3 maio de Campolongo (Negreira), Asociación de Veciños Vila do Monte de Outes, colectivo Non eólicos de Ordes, Plataforma non máis eólicos Campelo-Bustelo-Toural, Plataforma veciñal non eólicos de Mazaricos, Plataforma veciñal contra os eólicos de Ponteceso e Salvemos o Iribio.