A poboación con doenzas crónicas na Galiza sobe a un ritmo que duplica o estatal

(Foto: Europa Press).
Acordo entre Sergas e Colexios Médicos sobre o XIDE

A poboación galega que padece unha enfermidade crónica aumentou a ritmo de 3% anual nos últimos catro exercicios fronte ao incremento de 1,7% que se rexistrou a nivel estatal. É o dato que ofreceu esta quinta feira o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante a súa intervención no 10º Congreso Nacional de Pacientes Crónicos, en Pontevedra. Trátase dun evento organizado pola Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen) que empezou onte no Pazo da Cultura, e no que tamén estivo presente o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

Na Galiza as persoas con algún problema de saúde crónico aumentaron de maneira considerábel na última década.

Segundo as bases de datos do Ministerio de Sanidade, a maior parte de doentes crónicos na Galiza superan os 65 anos: 560.000 persoas. A Galiza é ademais o sétimo territorio do Estado con máis persoas con este tipo de patoloxías en relación á súa poboación.

Por outra parte, a Consellaría de Sanidade e o Consello Galego de Colexios Médicos atinxiron onte un acordo en torno ao sistema de citas XIDE (Xestión Integrada da Demanda en Equipo), un tema que os mantiña enfrontados desde hai meses.

En base a este acordo, serán os xefes do Servizo de Atención Primaria os que determinen "o seu grao de usabilidade, adaptabilidade e seguimento" nos centros de saúde.

O XIDE, tal e como naceu, empregábase no mostrador do centro de saúde para asignar unha cita cun profesional concreto en función da doenza que describise o propio paciente. Con este acordo, sexan os xefes de Atención Primaria os que determinen en que grao se usa e "dentro do seu marco competencial".

Comisión de Sanidade

Por último, o PP impediu esta quinta feira a aprobación na comisión de Sanidade do Parlamento que se aprobase unha proposta do PSdeG para pedir á Xunta que elabore un Plan de erradicación da pobreza infantil, que está en "34%", segundo os socialistas.