A poboación galega é a que menos confía na Xustiza de todo o Estado

Unha imaxe do xuízo do caso Alvia que se celebra na Cidade da Cultura de Compostela (Europa Press).
A confianza na xustiza caeu no Estado en 26% nos últimos cinco anos.

A confianza na administración de xustiza é cada día máis baixa. As criticas ao seu funcionamento, as dúbidas sobre as súas decisións e a natureza das súas resolucións  acadan importantes porcentaxes de desaprobación. A cidadanía galega é a que menos se fía da xustiza no conxunto do Estado.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de facer públicos os datos sobre a valoración da xustiza entre a poboación do Estado. As cifras do organismo público, recollidas dentro do Indicador Multidimensional de Calidade de Vida para 2021, último ano con información, seguindo unha metodoloxía común aos países da Unión Europea e validadas polo Eurostat, sinalan que a “confianza alta ou moi alta no sistema xudicial” na Galiza é de 5,4.

Galiza é o fecha cancelas do Estado nesta materia. Neste sentido, só presenta uns números semellantes ao país Castela e León, situándose por riba o resto das comunidades estatais. A maiores, a diferenza entre estes dous territorios e a media do Estado é moi elevada, fixando unha distancia de 2,9 puntos, confirmándose en 2021 unha tendencia que se arrastra desde os inicios do Indicador Multidimensional de Calidade de Vida á volta de 2008. 

A “confianza alta ou moi alta no sistema xudicial” está encabezada pola cidadanía asturiana con 12,6. A continuación colócase o País Valencià con 11,1, seguido da Rexión de murcia con 10,9 e da Comunidade de Madrid con 9,9. Neste franxa, por encima de 9 aparecen, tamén, territorios como Melilla e Castela-A Mancha, situándose nos postos medios da táboa Canarias con 8,9 e Estremadura con 8,1.

Catalunya marca un rexistro de 8,6 e Euskadi de 6,1 porén nestes dous países son onde máis se ten deteriorado a credibilidade do poder xudicial desde 2016. A isto, ten contribuído a resposta do aparato de xustiza ao proceso político vivido en Catalunya após 2017 e, tamén, a súa percepción social como institución cada día máis dependente das dúas grandes formacións políticas do Estado.

As cifras achegadas polo INE sitúanse nunha lóxica semellante ás ofrecidas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). Precisamente, na súa Enquisa de Tendencias Socias de novembro de 2022 suspendía ao poder xudicial cunha nota de 4,78 para o conxunto estatal, evidenciándose na análise o deterioro progresivo da percepción desta institución.

Os datos do CIS

O estudo do CIS indica que “sendo 1 a mínima confianza” na xustiza, 14,2% dos enquisados a valoran dese xeito. Ao tempo, 7,1% outórgalle dous puntos, 8,5% tres puntos e 11,2% catro puntos. Neste mesma dirección, 26,2% dos entrevistados recoñecen que hai 5 anos tiñan máis confianza na xustiza que no momento da sondaxe.

As conclusións deste estudo do INE e da Enquisa de Tendencias Sociais do CIS camiña na liña do avanzado en 2019 por unha sondaxe de Eurostat para a Comisión Europea. Naquela altura, 55% da cidadanía do Estado recoñecía non fiarse dos tribunais de xustiza, só acreditando 32% dos entrevistados da súa independencia respecto dos poderes económicos e políticos.  

A crise de fondo da xustiza

A confianza na xustiza e a percepción cidadá sobre o seu funcionamento honesto e independente son pezas básicas para a calidade democrática dunha sociedade. Neste sentido, non é casual que a perda de crédito da mesma vaia da man da crise de réxime que arranca nos anos finais da primeira década do século XXI.

Os conflitos vividos no proceso de renovación do órgano de goberno dos xuíces e do Tribunal Constitucional (TC) agudizan aínda máis a crise destas institucións.

se a natureza partidaria de moitas das resolucións dos órganos xudiciais evidencian durante anos a súa falla de independencia fronte aos poderes políticos e económicos, o debate arredor da  composición do Consello Xeral do Poder Xudicial e do TC deixan claro as ligazóns políticas destes órganos.