Saúde

O consumo de antidepresivos medra na Galiza mentres cae no Estado español

Varias persoas nunha farmacia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press).

O Ministerio de Sanidade fixo público o pasado 7 de agosto o Informe do sistema nacional de saúde 2023. O documento de análise sobre o sistema sanitario estatal advirte do aumento das doenzas mentais na Galiza, que continúa á cabeza do Estado en consumo de psicofármacos.

O Informe do sistema nacional de saúde 2023, publicado o 7 de agosto, acaba de pór en negro sobre branco a grave problemática da saúde mental na Galiza. O documento elaborado polo Ministerio de Sanidade sinala que en 2022, último ano con cifras, rexistráronse na Galiza 394,5 casos de trastornos mentais e de comportamento por cada 1.000 habitantes. Estes trastornos, segundo o documento, aumentan coa idade, e na infancia e na adolescencia afectan máis aos homes e na xuventude e na etapa adulta, ás mulleres.

Os supostos de trastornos mentais e de comportamento situáronse na Galiza en 63,5 puntos por enriba da media do Estado. Neste sentido, certifícase unha caída a nivel estatal na porcentaxe de persoas afectadas por trastornos mentais e de comportamento en relación cos pasados exercicios, pasando de 357,2 casos por cada 1.000 en 2021 a 331 casos por cada 1.000 en 2022. Así as cousas, confírmase unha evolución positiva no ámbito estatal, en comparación coas anualidades máis duras da pandemia da Covid-19, que provocou o incremento deste tipo de enfermidades mentais.

O comportamento da Galiza é diferente, marcando unha tendencia negativa mesmo en relación cos anos previos ao confinamento. Así, en 2019 alcanzáronse 278,8 casos de trastornos mentais e de comportamento por cada 1.000 habitantes e en 2021 foron 318,4  casos de trastornos mentais e de comportamento por cada 1.000 habitantes, o que representa 116,5 e 176,1 puntos porcentuais menos, respectivamente, en relación co exercicio 2022, do que agora dá conta o Ministerio de Sanidade no citado informe.

Os problemas de saúde mental máis frecuentes entre a poboación galega en 2022 foron os trastornos de ansiedade, que volveron superar un ano máis os trastornos do sono e os trastornos depresivos. A este respecto, o Informe do sistema nacional de saúde 2023, apunta que na última anualidade con datos rexistráronse 69,4 casos de trastornos de ansiedade por cada 1.000 habitantes, o que significa 32,2 puntos porcentuais por baixo da media do Estado.

Os trastornos de ansiedade volveron medrar na Galiza en 2022 en referencia ás anualidades anteriores. Neste sentido, situáronse 17 puntos porcentuais por enriba de 2019 e 8,6 puntos porcentuais por enriba de 2021. Tamén, nesta variábel, o Estado rexistra unha tendencia diferente ao país, ao marcar unha caída de 10,1 puntos en referencia ao ano previo á pandemia e de 29,8 puntos en relación ao exercicio de 2021.

Un termómetro do estado da saúde mental na Galiza ofréceo o elevado consumo de psicofármacos. A este respecto, o Informe do sistema nacional de saúde 2023, tomando como referencia os datos achegados polo Sistema de Información de Consumo Farmacéutico no Sistema Nacional de Saúde do Ministerio Sanidade, coloca a poboación galega liderando o consumo de antidepresivos no espazo estatal.

As autoridades sanitarias entenden por antidepresivo un medicamento psicótropo empregado para tratar a depresión que pode aparecer en forma dun ou máis episodios ao longo da vida, trastornos psicolóxicos, certas desordes na conduta alimentaria e alteracións do control dos impulsos.

As cifras fornecidas polo Goberno estatal para 2022 sinalan que o maior consumo de antidepresivos do Estado deuse na Galiza. Neste sentido, apunta que se consumiron 146,8 doses diarias definidas por 1.000 habitantes e día (DHD) de antidepresivos, o que representa (48 DHD) por encima da media do Estado. Neste caso, acompañan a Galiza nos postos de cabeza Asturias, Estremadura e Murcia.

Uso de antidepresivos

Os últimos datos certifican un incremento no consumo de antidepresivos na Galiza e no Estado. Así, en 2021 marcaron no país 130,7 DHD e no espazo estatal 86,9 DHD, o que evidencia o alcance da problemática da saúde mental e das limitacións do sistema sanitario para facer fronte a unha situación cuxa orixe ten profundas causas de clase social e económica. Nesta dirección, o psicólogo clínico José Berdullas apunta a Nós Diario que “se as causas desta situación son sociais, a solución ten que ser social” porque “a saúde mental non ten que ficar nos síntomas, senón que ten que ir á raíz”.

Berdullas asocia o aumento no consumo de psicofármacos “a un peor contexto social e económico”. Nesta orientación, avanza que “unha ratio tan reducida de psicólogos clínicos na sanidade pública cunhas listas de agarda tan elevadas favorece o recurso á medicación, sobre todo por parte das persoas facultativas de Atención Primaria, que non contan con outra ferramenta para responder a estes casos”. Ao tempo, amosa a súa “preocupación polo gran número de adolescentes que toman psicofármacos así como polas tentativas de suicidios con ansiolíticos entre menores de 15 anos”.

A Enquisa Europea de Saúde, elaborada cada cinco anos pola Unión Europea baixo a coordinación do Eurostat recollía na súa última entrega, referida a 2020, que 15,9% das galegas e galegos maiores de 15 anos consumiron ansiolíticos nas dúas semanas previas á realización da sondaxe, ficando este número para a media do Estado en 10,8%. Ao tempo, destacaba que 7,7% de galegas e galegos maiores de 15 anos consumiron antidepresivos nas dúas semanas previas á sondaxe.

Galiza rexistrou 328 mortes por suicidios ao longo do ano 2022

Galiza rexistrou 328 suicidios en 2022. Segundo os datos achegados polo Ministerio de Sanidade, procedentes da Estatística de defuncións segundo a causa de morte elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para 2022, último ano con cifras definitivas para o exercicio completo, nesa anualidade contabilizáronse 236 suicidios de homes e 92 de mulleres, o que supón que 2,8 de cada 10 persoas que se quitan a vida na Galiza son mulleres, cifra que se aproxima ao 2,6 da media do Estado.

Galiza foi a segunda comunidade do Estado en taxa de suicidios e a quinta en número absoluto. Así, na primeira variábel ficou por detrás de Asturias e na segunda foi superada por Andalucía, Catalunya, País Valencià e Madrid, territorios todos eles cunha poboación moito máis elevada que a galega. Neste sentido, o número de suicidios na Galiza caeu en relación a 2021 en nove persoas, o que representa un descenso de 2,7%, pasando a representar o 7,8% dos suicidios totais do Estado en 2022.

A alta porcentaxe de suicidios na Galiza segue a ser obxecto de discusión entre as persoas profesionais da saúde mental. A este respecto, a portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro sinala a Nós Diario que “a resposta é complicada. A realidade dos suicidios é complexa, por iso é fundamental investigar con persoas que o tentaron ou co círculo familiar daquelas que o consumaron. Os factores son múltiples, a idade, as enfermidades previas ou a situación económica, porén, faltan estudos apegados á realidade galega”.