A poboación residente na Galiza crece apenas 0,01%, cunha leve suba de 384 persoas

Máis de 721.000 persoas son maiores de 65 anos. (Foto: Europa Press).
A cifra total ascende a 2.706.125 persoas.

A poboación residente na Galiza creceu apenas 0,01 % no primeiro trimestre de 2024, en comparación co último trimestre do ano pasado, o que supón que gañou 384 habitantes, segundo os datos da Enquisa Continua de Poboación publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, a poboación residente en territorio galego ascende a un total de 2.706.125 persoas, das que 308.629 naceron no estranxeiro, fronte ás 2.705.741 rexistradas no cuarto trimestre de 2023. Ademais, do total de poboación actual, máis de 721.000 persoas son maiores de 65 anos —e 57.760 teñen 90 anos ou máis—.

A nivel global, a poboación residente no Estado español aumentou en 82.346 persoas no primeiro trimestre, situándose nun novo máximo histórico ao alcanzar os 48.692.804, segundo a Enquisa Continua de Poboación.

O crecemento poboacional do Estado debeuse case na súa totalidade ao incremento de persoas nadas no estranxeiro. Esta poboación —de 8.915.831 persoas— foi maior que a de nacionalidade estranxeira, debido aos procesos de adquisicións de nacionalidade española.

Pola súa parte, o número de estranxeiros aumentou en 85.684 persoas durante o trimestre, até 6.581.028 que representa un máximo histórico. E a poboación de nacionalidade española diminuíu en 3.338 persoas.

Respecto ás nacionalidades dos inmigrantes durante o primeiro trimestre de 2024 foron a colombiana —con 39.200 chegadas a España—, a marroquí (26.000) e a venezolana (22.600). As nacionalidades máis numerosas dos emigrantes foron a española —con 10.000 saídas—, a marroquí (9.900) e a romanesa (8.000).

En canto á evolución da poboación por territorios, rexistráronse incrementos en 12 comunidades autónomas ademais de en Melilla, mentres as outras cinco comunidades e Ceuta perderon poboación. Os maiores incrementos déronse en Madrid (0,44%),Melilla (0,40%), País Valencià (0,36%), Cataluña (0,29%), Murcia (0,18%) e Balears (0,17%).