Poden ser as algas un substitutivo dos antibióticos? Os coellos teñen a súa resposta

Coellos (Foto: Europa Press).
Unha tese doutoral defendida na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no campus de Lugo, propón o consumo de algas mariñas como alternativa ao uso de antibióticos en coellos para mellorar a súa saúde intestinal no período pos-destete.

Unha tese doutoral defendida na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no campus de Lugo, propón o consumo de algas mariñas como alternativa ao uso de antibióticos en coellos para mellorar a súa saúde intestinal no período pos-destete.

Así o propón a investigación desenvolta por Sabela Al-Soufi Novo no Campus Terra da USC. A tese caracterizou in vitro as propiedades de diversas algas mariñas e os seus extractos, determinou o seu perfil mineral para calcular as doses máximas de inclusión na dieta e avaliou in vivo os potenciais efectos sobre a saúde intestinal dos coellos.

Paralelamente, estudáronse os efectos sobre a calidade da carne e sobre a deposición de minerais na carne e nas vísceras dos coellos, e realizouse unha enquisa á poboación do concello de Lugo para estudar a potencial aceptabilidade deste tipo de produtos.

Un sector en "situación crítica"

O sector cunícola atópase "nunha situación crítica que precisa de solucións urxentes", explica a investigadora. As problemáticas do sector están provocadas principalmente pola redución gradual do consumo de carne de coello e polo aumento da mortalidade nas granxas, especialmente na fase de cebo.

Segundo relata Al-Soufi Novo, "isto débese á dificultade de manter a saúde intestinal dos animais no momento do destete, cando son moi susceptíbeis de padecer enfermidades gastrointestinais". As recentes restricións no uso de antibióticos de forma profiláctica en alimentación animal dificultan o control destas enfermidades, polo que o sector atópase "ante un incremento das mortalidades e unha falta de alternativas".

O estudo in vitro das macroalgas mostrou unha elevada fermentabilidade e, por tanto, un potencial prebiótico de todos os produtos derivados do alga parda Saccharina latissima, mentres que os produtos derivados de Himanthalia elongata produciron elevadas concentracións de butirato, o cal proporcionaría beneficios sobre a saúde intestinal.

A maior parte das macroalgas demostraron ser unha moi boa fonte de macrominerais, achegando cantidades maiores que as da maioría dos ingredientes empregados en nutrición animal; e certas especies de algas pardas presentaron moi elevadas cantidades de iodo, "o cal resultou ser o principal mineral limitante á hora de incluír estas especies nos pensos animais", explica a investigadora.

A maior parte das macroalgas mostraron elevados niveis de arsénico, aínda que todas elas presentaron niveis mínimos de arsénico inorgánico, de elevada toxicidade, polo que o seu emprego non suporía un risco para os animais. Dentro das macroalgas incluídas nas probas in vivo, S. latissima mostrou resultados positivos sobre a saúde intestinal dos coellos. As algas probadas in vivo non produciron ningún efecto negativo sobre a calidade da carne ou sobre as propiedades sensoriais do produto; e a inclusión do alga verde Ulva spp. mellorou o perfil de ácidos graxos da carne.

O elevado contido de iodo das macroalgas pardas foi transferido á carne dos coellos alimentados con estas especies, o que sería de grande interese en zonas con deficiencia de iodo endémica; mentres que os residuos de arsénico na carne e nas vísceras foron mínimos.