O podio do que comemos as galegas e os galegos (e do que non)

Lideramos a clasificación no estado en moitos dos produtos de consumo nos fogares: carne de vacún, peixe fresco, pan, aceite de oliva, mazá ou viños con IXP. Por contra, fechamos a táboa no que respecta a carne procesada, viños espumosos ou patacas procesadas.

Sempre fomos un país de bo dente. Asumimos como pratos nacionais e identificativos xantares que, como o churrasco por exemplo, hai unhas poucas décadas eran case descoñecidos nestes lares. Ao tempo outros que naquela eran protagonistas en non poucas mesas, as caldeiradas, por exemplo, hoxe en día son cada vez máis raros de atopar. Evolucionamos a medida que papamos.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou ‘Informe do consumo de alimentación 2015’, un documento de 230 páxinas e no que a través de entrevistas quer coñecer cuestións como o consumo dos principais produtos de consumo nos fogares. Os galegos figuramos en non poucos podios nese estudo. Lideramos, por exemplo, a clasificación de consumidores de carne de vacún, onde a media estatal é de 5,7 quilos por persoa e ano. En carne de porco somos os segundos, só superados por Castela-León.

Un dato curioso é que Galiza é a principal consumidora de aceite de oliva, por diante de territorios produtores como Andalucía ou Estremadura. E no que atinxe a aceites, tamén somos os que máis consumimos de xirasol. Somos o cuarto territorio onde comemos máis froita fresca, destacando nas mazás, onde estamos de primeiros. En laranxas somos terceiros e en bananas, cuartos.

O que non estraña tanto é que lideremos a clasificación en canto os que máis peixe fresco papamos, por diante de Cantabria e Euskadi. En pan, tampouco estraña, somos líderes en consumo. Ao igual que en viños con IXP, identificación xeográfica protexida. En canto a viños espumosos, somos os que menos beben de todo o estado. Dato curioso: somos os últimos en consumo de ron e os terceiros pola cola en whisky. Mais somos segundos en canto a consumir bebidas refrescantes con sabor a tónica.

Non só somos os que menos viños espumosos ou ron bebemos de todo o estado. Tamén somos os que menos patacas procesadas consumen. Iso si, somos os segundos en consumo de patacas frescas. E tamén somos últimos en carne transformada procesada, vese que non nos chista moito. Nin salchichón, nin longanizas, nin xamón curado, nin salami...

Por certo, se no 2007 os galegos eramos os habitantes do estado español que menos comida lixo consumiamos, no 2014 o conto érache outro. A media que gastamos en comer en locais de comida lixo foi de case 46 euros por persoa, por riba mesmo da media española.