VÍDEO | A 'Polaris Dawn' leva a cabo con éxito o primeiro paseo espacial privado da historia

Astronauta do 'Dragon' emerxe da nave para o seu paseo espacial. (Foto: Space X Polaris Dawn)

Dous astronautas non profesionais da misión 'Polaris Dawn' de Space X protagonizaron este 12 de setembro a primeira actividade extravehicular no espazo dunha misión privada.

Jared Isaacman, un multimillonario emprendedor do sector tecnolóxico, fundador da empresa de pagos electrónicos Shift4 e encargado de financiar a misión, abriu a trapela da nave Dragon contra as 12.50 horas, na Galiza, tras a despresurización completa da nave e equipado cun novo traxe espacial desenvolto por Space X, compañía liderada por Elon Musk.

A vestimenta mantívoo unido por unha 'liña de vida' co interior da nave, o que lle permitiu permanecer no exterior durante varios minutos realizando diferentes manobras aínda que sempre sen abandonar a boca de saída da nave.

As súas primeiras palabras no baleiro do espazo foron: "Desde aquí a Terra parece un mundo perfecto". Durante a súa saída Isaacman aprovietou para realizar unha serie de probas, como por exemplo usar unha soa man para controlar o movemento corporal. "Os camiñantes espaciais avaliarán a súa capacidade para moverse en todas as direccións, manter unha única posición durante 10-15 segundos e manter a posición mentres o outro brazo simula o uso da ferramenta", informaron desde Space X.

Catro tripulantes

Tras volver ao interior, foi a quenda de Sarah Gillis, enxeñeira principal de operacións espaciais en Space X, quen realizou igualmente diferentes manobras de idoneidade do traxe espacial durante uns minutos antes de regresar ao interior. Os outros dous membros da tripulación – o piloto Scott Poteet e a especialista de misión e oficial médico Anna Menon– permaneceron nos seus asentos.

A operación desenvolveuse a unha altura que variou entre os 400 e os 700 quilómetros da superficie terrestre, coa nave espacial viaxando a máis de 25.000 quilómetros por hora.

A 'Polaris Dawn' despegou o 10 de setembro de Cabo Cañaveral, con Isaacman como comandante, e en poucas horas logrou alcanzar unha altura de 1.400 quilómetros de altura, o máis lonxe que unha nave tripulada chegou desde a época das misións Apolo á Luna hai máis de medio século.