Polémica entre as familias do 'Pitanxo' e a armadora a conta do repartimento da doazón dunha ONG

A portavoz das familias, María José de Pazo, nunha recente comparecencia ante os medios. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Reclaman un xustificante coa contía total que abonou a ONG francesa Société de Secours et des Oeuvres de Mer en favor dos familiares das vítimas.

Familiares de vítimas do naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, que afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá), insistiron á armadora que aclare o importe total da doazón que a organización benéfica francesa Société de Secours et des Oeuvres de Mer realizou en favor das familias.

Tal e como denunciaron as familias en reiteradas ocasións, esta ONG, dedicada ao mundo do mar, entregou certa cantidade de diñeiro á empresa, que se encargou de repartila a razón de 500 euros por vítima en concepto de "anticipo" ou "anticipo de nómina". Neste senso, os familiares criticaron esta acción levada a cabo por Grupo Nores, xa que ao tratarse dunha doazón consideran que o concepto da transferencia debería ser outro.

Por iso, xa solicitaron hai meses un cambio no devandito concepto e un xustificante coa contía total que a compañía recibiu da ONG. Após non recibir resposta, nos últimos días enviaron un burofax solicitando estas dúas accións.

"Ante o devandito ingreso as familias requiriron reiteradamente, con resultado infrutuoso, que lles acreditase o ingreso realizado por Société de Secours et des Oeuvres de Mer a fin de verificar o importe efectivamente abonado, así como que procedesen á rectificación e corrección do concepto reflectido", reivindican no burofax.

Aliás, as familias indican que, de non cumprir o que se lles pide, darase traslado ás autoridades administrativas competentes.

Pola súa parte, fontes do Grupo Nores consultadas por Europa Press aseguraron no seu día que esta repartición foi acordada cos avogados das familias e abonadas a conta.

Porén, avogados das familias aseguraron que foi despois de ver reflectida nas súas contas esta cantidade cando os familiares pediron explicacións á compañía, que aínda seguen solicitando meses despois.