Crise dos pellets

Polémica polo saco de pellets amarrado que transmitiu a CRTVG

O saco de pellets amarrado que retransmitiu a TVG.
"Cada saco que se recolle no mar son granulados que non chegan á costa!", remata o vídeo compartido en redes sociais, incidindo na liña argumentativa da Xunta.

A cobertura que a CRTVG está a facer da denominada 'crise dos pellets' espertou nos últimos días numerosas críticas mesmo desde dentro, pois numerosos traballadores e traballadoras dos medios públicos participaron esta quinta feira nunha mobilización nas instalacións de San Marcos exixindo pór fin á "manipulación informativa". Consideran que se trata dun "novo uso burdo e partidista" da radio e a televisión para "silenciar unha catástrofe".

E nas últimas horas un novo contido compartido pola canle de actualidade G24 ficou no albo da polémica e suscitou centos de reaccións nas redes sociais. Trátase dun vídeo publicado en redes sociais -e a imaxe tamén se retransmitiu nun directo- no que a TVG informa do achado de varios sacos de pellets en diferentes puntos da costa galega que estarían, segundo as súas fontes, na superficie do mar cando se atoparon. A imaxe que ilustra a peza, con todo, non deixou ninguén indiferente.

"Este saco de pellets recolleuno un barco perto do Grove", explican, mentres de fondo pode apreciarse un saco aínda flotando no mar, con pouca carga no seu interior... e amarrado por unha corda. O vídeo prosegue explicando que tamén se atopou outro en Camariñas e conclúe cunha mensaxe que vai na liña na estratexia adoptada pola Xunta da Galiza: "Cada saco que se recolle no mar son granulados que non chegan á costa!".

Durante a pasada semana, mentres o Goberno galego insistía en restar importancia e minimizar a afección da carga perdida polo buque Toconao, a CRTVG tamén parecía evitar a alarma e comezaba reducindo o sucedido a "boliñas de plástico" que apareceran nalgúns areais. Porén, a Xunta finalmente elevou a alerta a nivel 2... e nos medios públicos tamén empezaron a outorgarlle un maior peso informativo a esta crise.

A nova consigna de Alfonso Rueda é responsabilizar o Goberno estatal tanto da suposta falta de información que padeceu o seu gabinete nas últimas semanas como pola necesidade de atallar os sacos mar adentro, antes de alcanzaren o litoral -unha misión, por outra parte, que o propio conselleiro Alfonso Vilares admitiu nunha carta aos concellos o pasado día 4 que "non resulta posíbel" polas súas características e que os traballos "deben ser acometidos unha vez alcanzada a costa"-.