Polémica por un vídeo do senador do PP e ex alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, no cal ironiza coa saúde mental

O ex alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Ribas (Foto: Xunta da Galiza).
O vídeo arrinca co dirixente político visitando a unha doutora á que saúda: "Veño a que me faga un recoñecemento, que vexo que se está volvendo moita xente tola e quero saber que non estou contaxiado".

Un vídeo subido na rede social de Tik Tok polo senador do PP e ex alcalde de Ribeira (O Barbanza), Manuel Ruiz Ribas, foi obxecto de polémica dado que no mesmo simula unha visita a unha psiquiatra para ver se está "contaxiado" da "tolemia" que percibe na actualidade.

O vídeo arrinca co dirixente político visitando a unha doutora á que saúda: "Veño a que me faga un recoñecemento, que vexo que se está volvendo moita xente tola e quero saber que non estou contaxiado". A continuación, a suposta médica convídao a tombarse no sofá para facer unha proba.

Na devandita proba, a doutora enúncialle unha serie de palabras que el ten que identificar co que lle producen, e o dirixente popular procede: "traizón: amnistía; mentiras: Pedro Sánchez; Ana Pontón: lobo con pel de cordeiro". Igualmente, identifica o nacionalismo con "problemas" e ao seu xefe de filas, Alfonso Rueda, co "presente" e o "futuro" para o país.

O 'diagnóstico' no vídeo do popular é que se atopa en perfecto estado mental. Con todo, o vídeo do popular non estivo exento de críticas pola alusión á saúde mental.

"Unha vergoña"

Unha das críticas foi precisamente a portavoz do BNG, Ana Pontón, á que identifica no seu vídeo con "un lobo con pel de cordeiro".

"É unha vergoña que Rueda permita que o PP use o drama da saúde mental para atacar a adversarios e adversarias políticas", indica no seu perfil da rede social 'X', antiga Twitter.

"Galiza merece moito máis que un presidente que pensa que en política vale todo", resolveu a líder nacionalista.