Polémico inicio de curso pola demora na ampliación dun centro escolar en Vigo

Un guindastre de grandes dimensións ocupa o patio

As obras de ampliación do CEIP Alfonso D. R. Castelao, do barrio de Navia, non concluíron a tempo e o curso principiou cun guindastre de grandes dimensións en medio do patio e sen plenas garantías de limpeza e seguranza para o alunado.

Navia é un dos barrios máis poboados da cidade de Vigo, con máis de 13 mil veciños e veciñas, e conta con máis habitantes que o 80% dos concellos galegos. É tamén un dos ámbitos con poboación máis nova en idade de Galiza e do Estado. Unha realidade social e demográfica que leva anos a chocar coa insuficiencia de recursos e dotacións.

 

A nivel educativo, o colexio do barrio, o CEIP Alfonso D. R. Castelao, precisaba dunha ampliación para dar resposta á demanda de prazas escolares. Despois de moitos anos de reivindicación veciñal a Xunta de Galiza iniciou este ano o proxecto que dotará o centro de 450 novas prazas. No entanto, a falla de planificación por parte do Goberno galego e a demora na execución das obras provocou que as mesmas ficaran inda inconclusas no inicio deste curso. Precisamente a falla de garantías de seguranza e de limpeza, causada polos traballos de construción e remodelación, provocaron a demora de dous días no inicio de curso nese centro. Aliás, o alumnado viuse obrigado en moitos casos a acudir con máscaras protectoras por causa do pó en suspensión que provoca molestias respiratorias.

 

Esta situación xa fora advertida desde semanas atrás por parte da asociacións de nais e pais do centro á Xefatura Territorial de Educación, a alertaren de que cos ritmos que levaban os traballos non parecía factíbel que as obras concluísen a tempo. E así foi. Arestora, varios centos de escolares acoden diariamente ás aulas cun guindastre en medio do seu patio e padecendo unhas condicións deficientes de limpeza. Engádese tamén o perigo que supón que os traballos non se interrompan durante o período lectivo. Isto é, que mentres as crianzas reciben aulas, unha brigada de operarios continúa coas obras de ampliación e mobilizando materiais pesados.

 

As responsabilidades da Xunta

 

A denuncia da ANPA do centro foi recollida polo BNG. O seu responsábel local, Serafín Otero, denunciou a falla de planificación da Xunta e responsabilizou a Delegación Territorial da Consellaría de Educación do “caos” creado. A fronte nacionalista urxiu o Goberno galego a adoptar con máxima celeridade as decisións necesarias para garantir a limpeza e seguranza indispensábeis. “É comprensíbel que ao ver un guindastre desas dimensións a carón dun edificio e cando principia o mal tempo, as nais e pais teman que poida pasar algo grave”, alertou Otero. Nese sentido, o Bloque anunciou a súa intención de demandar explicacións sobre este asunto no Parlamento galego. 

 

O grupo municipal de Marea de Vigo e máis Esquerda Unida tamén demandaron solucións en termos semellantes. O alcalde da cidade, Abel Caballero, expresou a súa preocupación pola situación creada e ten previsto manter un encontro con representantes da ANPA do colexio para abordar a súa resolución.