A Policía apunta a "causas fortuítas" na orixe do incendio de Vigo

Dous axentes de policía traballando no portal número 6 da rúa Alfonso X o Sabio de Vigo, onde se produciu o tráxico incendio que acabou coa morte de catro persoas. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Os catro falecidos eran unha nai e os seus tres fillos.

Na madrugada da cuarta feira, o incendio dun edificio en Vigo, ocorrido na rúa Afonso X o Sabio, nas Travesas, deixaba un total de catro persoas falecidas. Aínda que os veciños e veciñas sinalaron que o fogo foi intencionado e apuntaron directamente a un home que viviu no edificio, as investigacións, polo de agora, non confirmaron esta hipótese. De facto, a Policía asegurou non ter encontrado acelerantes de fogo no cadro eléctrico do edificio e apuntou a "causas fortuítas" no inicio do incendio.

A identificación xudicial dos cadáveres achados no incendio confirmou que os catro falecidos eran unha nai e os seus tres fillos, segundo informaron fontes policiais. De acordo con fontes próximas ao caso, queda confirmado que as vítimas mortais son unha muller, de nome Rosana, e tres das súas crianzas de entre 10 e 14 anos de idade: Aldara, Sara e Ezequiel. Pola súa parte, o pai dos menores atópase en estado grave ingresado na UCI do hospital Povisa.

Unha cuarta filla da familia, unha nena de oito anos, foi evacuada inicialmente a Povisa e despois trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro, aínda que finalmente, debido ao seu estado, decidiuse o seu traslado e ingreso no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña, onde está a ser atendida polos sanitarios.