Xustiza

Condenado un policía da Coruña por disparar a un detido "que non exteriorizou actitudes" que xustificasen o uso da arma

Axentes da Policía Local.
Cando procedía a cachear o detido por condución temeraria "con omisión da mínima dilixencia exixíbel", apoiou a pistola contra o corpo e a arma "disparóuselle accidentalmente".

Un policía local da Coruña acusado de ferir con arma de fogo un detido aceptou o pagamento dunha multa de 540 euros e dunha indemnización á vítima de máis de 5.000 no xuízo fixado para esta segunda feira na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña. O ferido, á súa vez, asumiu unha pena de dez meses de prisión por condución temeraria cando tiña o permiso de conducir retirado pola perda total dos puntos. Fixérono após un acordo entre a Fiscalía e as defensas ao recoñeceren os feitos os procesados e acordarse unha rebaixa da condena que os dous homes aceptaron.

Así, o Ministerio Público considerou os feitos cometidos polo axente como constitutivos dun delito de lesións por imprudencia menos grave cunha pena de 540 euros de multa, alén do pago dunha indemnización á vítima dun importe total de 5.275 euros. A Fiscalía condenou tamén ao home que sufriu o disparo por un delito de condución temeraria con agravante de reincidencia cunha pena de seis meses de prisión e outro de condución con permiso retirado con catro meses e 16 días de cárcere.

Feitos

Segundo recolle o escrito fiscal, os feitos sucederon na madrugada do 2 de xuño de 2020, cando un dos procesados conducía un vehículo sen ter carné de conducir e baixo os efectos de bebidas alcólicas. Os axentes da Policía local déronlle o alto e, no canto de parar, "emprendeu a fuxida" para, posteriormente, abandonar o vehículo canda os demais acompañantes. Con todo, pouco despois foron localizados polos mesmos gardas que lles deron o alto e que os perseguiron durante a súa fuxida.

"Durante esta actuación, ben ao apearse do vehículo policial ben nun momento posterior, pero en todo caso separado por escasos segundos, o procesado decidiu extraer e exhibir a súa arma regulamentaria sen que até entón [o condutor fuxido] exteriorizase acto ningún de agresión que xustificase a necesidade de facelo", sinala o escrito de Fiscalía.

Así, "xa coa arma na man" achegouse ao outro procesado —o condutor do vehículo—, que nese momento estaba apoiado de cara á parede do inmóbel coa intención de cachealo e esposalo. Cando procedía a iso "con omisión da mínima dilixencia exixíbel", apoiou a pistola contra o corpo do condutor e a arma "disparóuselle accidentalmente", alcanzándoo á altura do brazo dereito.