A Policía investiga un posíbel delito de abusos sexuais contra alumnas menores de idade dun centro de Lugo

O CEIP Albeiros, fechado cun cadeado este mediodía. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Ao tratarse dun tema especialmente sensíbel que involucra a menores de idade, a Consellaría non ofreceu máis detalles.

A Policía Nacional de Lugo abriu unha investigación para dirimir a responsabilidade dun profesor do CEIP Albeiros, na cidade amurallada, como posíbel autor dun delito continuado de abusos sexuais contra un grupo de alumnas menores de idade do citado centro educativo.

Así o confirmaron esta cuarta feira fontes policiais, que recoñeceron pór en marcha a investigación tras recibir "varias denuncias" da contorna das menores afectadas. Desde a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional tamén afirmaron atoparse ao tanto da situación, "ter constancia dos feitos denunciados" e ter iniciado dilixencias informativas para esclarecer o sucedido e poder adoptar as medidas oportunas.

Ao tratarse dun tema especialmente sensíbel que involucra a menores de idade, a Consellaría non ofreceu máis detalles mais trasladou o seu firme compromiso coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, aos que ofreceu a súa estreita colaboración.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, realizou unha breve valoración do asunto desde a cidade de Málaga, onde se atopa participando no III Foro de Educación, Innovación e Tecnoloxía. "De confirmarse estas denuncias, esperamos que a persoa que fixo isto non saia impune e de non ser certo evidentemente tamén que a súa honra sexa recuperada. Por iso é moi importante que se investigue e se chegue ao fondo deste asunto", manifestou.

Feitos "completamente anómalos e reprochábeis no caso de confirmarse"

Rodríguez, que cualificou os feitos investigados como "completamente anómalos e reprochábeis no caso de confirmarse", fixo un chamamento para seguir colaborando coas autoridades para lanzar luz sobre o sucedido: "Unha vez que se coñece e está xa no ámbito xudicial, fóra do ámbito educativo, hai que tomar as medidas necesarias para que isto non se volva a repetir", finalizou.

Consultado polo tempo transcorrido desde que as menores denunciaron presuntamente os abusos sufridos por parte do docente até que a Administración galega foi notificada, o titular de Educación asegurou que a actuación dos responsábeis do centro educativo foi levada a cabo conforme os seus "protocolos internos". "Supoño que se verían desbordados no seu momento e estarían tamén vendo se era ou non era punible o que se estaba comentando", reflexionou ao respecto Román Rodríguez.

O centro, 'selado' e sen facer declaracións

Nas instalacións do CEIP Albeiros, o centro educativo no que cursan estudos as menores, a xornada lectiva desenvolveuse con aparente normalidade, aínda que a porta principal de acceso ao colexio estaba selada ao mediodía cun cadeado. Tanto a dirección do centro como os responsábeis da ANPA declinaron facer declaracións sobre un caso que se atopa en mans da Policía Nacional e no que non se descarta, polo momento, que poidan producirse novas denuncias.