A policía négase a dar información en "dialecto" galego

Así se referiron á lingua galega en resposta a unha persoa que solicitaba información sobre o DI electrónico. A Mesa di que pedirá "o cesamento do ministro e dos responsábeis". 

"Perdone la indiscrecion pero si es posible que me exponsa su problema en castellano para poder darle una solución a su incidencia, ya que no entendemos su dialecto". Nestes termos, incluídas as grallas ortográficas, se dirixiu a policía española a unha persoa que se dirixiu de maneira telemática á institución para solicitar información sobre o documento de identidade electrónico. 

A Mesa pedirá "o cesamento do ministro e dos responsábeis" pois "desprezan unha lingua oficial"

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística aseguraron a Sermos Galiza que enviarán unha queixa á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), á Valedora do Pobo, o Ministerio do Interior e a propia Policía española. 

Aliás, sinalan que pediran "o cesamento do ministro e dos responsábeis" pois a resposta da institución "evidencia que a policía non só non dá a atención debida aos cidadáns que falan en galego senón que desprezan unha lingua oficial".