Política Social suspende todas as citas de valoración de discapacidade desta quinta feria

Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)

A valoración de tres patoloxías concretas non estará dispoñíbel até o 12 de maio.

A Xunta da Galiza suspendeu todas as citas programadas para esta quinta feira de valoración do grao de discapacidade. Segundo a Consellaría de Política Social, detrás desta suspensión estaría un "erro" do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 na data da posta en marcha do novo baremo do grao de discapacidade.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) apuntaba á entrada en vigor do novo procedemento "seis meses despois da súa publicación", o que "se correspondería co 20 de abril". Así, a pasada segunda feira a Consellería enviou unha comunicación ao Ministerio alertando de que "había un erro" nas contas feitas polo Imserso, que "indicaba a entrada o vigor o día 21 de abril".

Nesta liña,  desde Política Social afirman que, "tras negar o erro", na tarde desta cuarta feira a Xunta recibiu unha comunicación do Ministerio na que "se daba a razón" e "pedíase perdón polos posíbeis trastornos ocasionados".

Desta maneira, fican canceladas as "máis de 150 citas" concertadas para esta quinta feira, posto que o Ministerio "non garante que se poida aplicar o novo baremo" de discapacidade. Así, insistiron en que "non se pode baremar cun sistema antigo habendo un novo".

Máis atraso en tres patoloxías

Doutra banda, fontes da Consellería de Política Social manifestaron que hai tres patoloxías determinadas que non estarán operativas no novo sistema aplicativo para a súa valoración até o próximo día 12 de maio.

De maneira concreta, unha das patoloxías é a relacionada coas amputacións extremidades superiores, posto que o aplicativo "non converte ben a deficiencia de dedo a deficiencia de man".

Tampouco se permitiría a detección do 3% se existen problemas trastornos do aparello dixestivo nos que a sintomatoloxía se presenta en ausencia de lesión.

A terceira patoloxía que non tería valoración até o próximo mes estaría relacionada coa síndrome dor rexional complexa tipo II en extremidades inferiores.