A ponte de Pedre, en Cerdedo-Cotobade, recupera os dous carrís tras o accidente de bus da Noiteboa de 2022

A ponte onde decorreu o sinistro de autobús, en Cerdedo-Cotobade. (Foto: Europa Press)
O Executivo estatal traballa na redacción do proxecto de asfaltado integral entre os puntos quilométricos 51-150 e 68+400.

A ponte da estrada N-541 en Pedre, no concello de Cerdedo-Cotobade (comarcas de Terra de Montes e Pontevedra), recuperou esta quinta feira os seus dous carrís tras unha profunda reforma emprendida tras o accidente de autobús con sete falecidos ocorrido na Noiteboa de 2022.

Segundo informa a Subdelegación do Goberno estatal en Pontevedra, retiráronse xa os dous semáforos de regulación e a sinalización para pór a disposición toda a estrada.

O Estado investiu nesta mellora, acometida tras o sinistro do autobús que ía desde Lugo a Vigo, algo máis de 1,1 millóns de euros. Os traballos incluíron o reforzo de elementos de contención, a mellora dos pasos peonís laterais, a ampliación do ancho da ponte, a impermeabilización das xuntas de dilatación e a renovación do firme.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, transmite unha mensaxe de "solidariedade e recordo" para as familias do sete pasaxeiros que perderon a vida naquel accidente ocorrido nunha Noiteboa que tivo unhas condicións meteorolóxicas adversas.

Á súa vez, Losada agradeceu o labor das forzas e corpos de seguridade e do persoal de emerxencias que participaron no operativo de rescate, así como á anterior subdelegada, Maica Larriba, e ao ex delegado do Goberno na Galiza, José Miñones, polo seu "impulso decidido" a estas obras.

Ademais, o subdelegado anunciou que o Executivo estatal traballa na redacción do proxecto de asfaltado integral entre os puntos quilométricos 51-150 e 68+400, que será adxudicado nos próximos meses para completar a mellora da seguridade nesta estrada.