Pontevedra di "non" a pagar máis a Sogama polo lixo

Materiais para reciclaxe en Sogama. (Foto: Europa Press)
A empresa quere subir nun millón a taxa por tratar os residuos.

O Concello de Pontevedra aprobou esta semana en Xunta de Goberno Local unha declaración de rexeitamento á suba de Sogama polo tratamento dos residuos. Trátase dunha decisión tomada por unanimidade de todos os grupos representados, e que amosa a desaprobación do Goberno Local pola taxa que ten que pagar a Boa Vila á empresa, toda vez "que non só se eliminou a bonificación de 10 % que se tiña estabelecido, senón que tamén se incrementou esta en 20 euros por tonelada".

Nese sentido, a tenente de Alcalde, Eva Vilaverde, sinalou que esta medida é un "sablazo" que fará que "a veciñanza pague o fracaso do seu sistema e da mala xestión da Xunta da Galiza". 

Por outra banda, a edil lembrou que "o modelo de Sogama está obsoleto, centralizado e antiecolóxico, como demostra o feito de que a Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe de cumprir cos criterios que marca Europa". Neste sentido, explicou que a porcentaxe de reciclaxe en Sogama no ano 2020 -últimos datos dispoñíbeis- "foi de 21 %, cando a Unión Europea marcaba como obxectivo case o 50 %".

Desde o Concello de Pontevedra destacan que neste 2024 o canon é de 66 euros por tonelada (+IVE), aínda que esta cifra está suxeita a unha bonificación no caso de facerse a recollida separada de bioresiduos, baixando entón até 56,10 euros por tonelada. Xa que o montante total foi de 27.457,26 toneladas, o resultado final é que Sogama gañou unha cantidade de 1.694.387,51 euros procedente das arcas públicas do Lérez.

Coa nova taxa, estímase que cos mesmos datos de toneladas de 2024 o Concello de Pontevedra pagaría 660.000 euros máis -elevando así a factura aos 2.357.346,06 euros-, pero de cara ao próximo ano 2025, na Boa Vila estiman que a taxa alcanzaría os 2.659.372,29 euros, un millón máis que en 2023.