Pontevedra gaña o primeiro premio de Seguridade Viaria Urbana da Unión Europea

Praza do Teucro (Turismo.gal)

A Comisión Europea premia as boas prácticas da cidade.

Pontevedra gañou o primeiro premio de Seguridade Viaria Urbana da Comisión Europea. A cidade galega ficara finalista con Jaworzno (Polonia) e Ordu (Turquía), entre outras 26 que concorreron a este premio.

A Comisión Europea premia as boas prácticas de Pontevedra en materia de mobilidade sustentábel destacando que a Boa Vila logrou reducir as mortes na estrada de maneira "consistente" desde 1999, alcanzando a "impresionante cifra" de cero falecidos desde fai nove anos.

"Espero que isto sirva de inspiración para os pobos e cidades que están a reconsiderar as súas estratexias de mobilidade, especialmente por mor da pandemia actual", trasladou a comisionada de Transporte, Adina Valean.

O xurado asegura quedar "impresionado", entre outras medidas, cos límites de velocidade que oscilan entre os 10 e os 30 quilómetros por hora, con que 80% dos nenos vaian sós á escola ou coa creación de espazos públicos "atractivos" para os cidadáns.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comunicou a noticia ao resto de membros da Corporación municipal ao terminar o pleno celebrado esta segunda feira

Referencia internacional

Nunha posterior comparecencia ante as xornalistas valorou o premio como unha "gran satisfacción" e celebrou que "Pontevedra se está situando ben no mundo".

O rexedor do BNG lembrou que a cidade foi convidada por dous ministerios a participar no Cume do Clima, trasladando a súa experiencia sobre a redución da contaminación urbana.

"Estamos a ser unha referencia a nivel internacional", destacou, tanto pola recuperación dos espazos urbanos como polo exemplo demostrado polos seus veciños ao saír á rúa nestes momentos de crise sanitaria.