Pontón inicia unha viaxe a Suíza para manter encontros coa comunidade galega

Ana Pontón, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
A líder da oposición trasladará "o interese do BNG nas problemáticas que afectan galegas e galegos na emigración como as pensións dos retornados e a fiscalidade".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manterá unha serie de encontros coa comunidade galega en Suíza entre os días 14 e 16 de abril, en concreto nas cidades de Xenebra, Zúrich e Basilea.

Segundo informa a formación nacionalista, manterá diversos encontros cos centros galegos e as galegas e galegos a título individual de distintas profesións "para coñecer a realidade da diáspora galega no país alpino".

A líder da oposición trasladará, ademais, "o interese do BNG nas problemáticas que afectan galegas e galegos na emigración como as pensións dos retornados e a fiscalidade".

A axenda

A axenda da portavoz nacional neses días consistirá dunha vista a galegos e galegas destacadas nas súas respectivas profesións nas cidades de Xenebra; en Basilea estará no centro galego Sementeira, onde manterá unha charla coa colectividade galega, e en Zúrich falará nos centros de Ourense e Lalín.

Finalmente, nesta cidade fará un acto público. Pontón estará acompañada pola eurodeputada do BNG e responsábel de Relacións Internacionais do Bloque, Ana Miranda.