Porque 'nin é festa, nin é nacional', a Sarria contra as touradas

Galiza Nova convocou para este domingo unha concentración contra a corrida de touros que a vila celebrou polos festexos do San Xoán. Até nove colectivos xuvenís veñen de asinar un manifesto a prol da abolición

Baixo a premisa de que Nin é festa, nin é nacional, a organización Galiza Nova convocou para este domingo unha concentración en Sarria con motivo do festexo taurino que desde o Concello tiñan convocado para celebrar as festas de San Xoán.

"Queremos animar ás veciñas e veciños de Sarria a expresar o rexeitamento a esta acción que nada ten a ver coa cultura galega", sinalan @s nacionalistas, lamentando que o PP "insista" en promover as touradas e non escatime en gastos para esta forma de tortura "mentres recortan en se

rvizos sociais básicos". Por conseguinte, chaman á protesta que terá lugar diante do Pavillón novo, onde se instalará a praza móbil.

Nos últimos días tamén o colectivo abolicionista Galiza Mellor sen Touradas, reclamou argumentos que expliquen tanto o financiamento público dos festexos taurinos como da viaxe do concelleiro de Xuventude, Manuel Sangil, a Salamanca para "comprar" os touros que matarán neste evento. Segundo as contas que botaron no colectivo antitaurino, e pese a que o consistorio "nunca ofreceu datos reais sobre a súa implicación na celebración de festexos", as arcas municipais asumiron "miles de euros" de perdas das empresas organizadoras destas actividades para que non deixaran de se celebrar.

A mocidade galega, a prol da abolición
Até 9 organizacións xuvenís da Galiza veñen de asinar o manifesto O futuro: Abolición, en contra das touradas e do financiamento con cartos públicos deste tipo de espectáculos que, atendendo á letra do texto, cualifican de "macabros, cruentos e trasnoitados". É este o primeiro pronunciamento contra a tauromaquia que xunta colectivos de actividade hetereoxénea.

Demostra isto que "a mocidade galega rexeita de xeito maioritario" esta actividade, tal e como adiantara xa o inquérito difundido pola plataforma Galiza, Mellor sen Touradas a travé

s do seu colectivo xuvenil Mozos pola Abolición. Segundo aqueles datos, de celebraren un referendo sobre a subvención a festexos taurinos, o o 89,6% das persoas de entre 18 e 29 anos votaría polo 'non'.

Así as cousas, recalcando que as touradas "non forman parte da nosa cultura nin da nosa idea de respeto cara os animais", as nove organizacións presentan este manifesto cadrando coa realización de máis un festexo taurino en Sarria, e co anuncio do Concello da Coruña de seguir financiando a feira local pola porta de atrás, ao cedérenlles de maneira desinteresada o equipamento e as instalacións municipais ás empresas encargadas da organización do evento.

Os colectivos son Isca!, Iesga, Comités Abertos, Mocidade do Encontro Irmandiño, Xuventudes Socialistas de Galicia, Área de Mocidade de Esquerda Unida, Mocidade Nacionalista Galega, Galiza Nova e Mozos pola Abolición. 


NOTA: as imaxes publicadas son de Galiza Nova (cartaz) e de Libera (protesta)