Porto Cabral, a pantasma que ameaza o monte de Vigo

Proxección gráfica utilizada na campaña a prol do macrocentro comercial [Foto Facebook]

Após a anulación do PXOM de 2008 o proxecto de macrocentro comercial, que suporía a desaparición de 300 mil metros cadrados de monte veciñal en man común, non ten posibilidades de se desenolver a curto ou medio prazo. No entanto, na cidade olívica existe unha forte campaña propagandística para asegurar que o novo PXOM o permita.

Porto Cabral é a denominación coa que o fondo de investimentos Eurofunds, aliado coa promotora Intu, baptizou un proxecto de macrocentro comercial e recreativo no polígono de Liñeiriños, na parroquia viguesa de Cabral. 

 

Para alén do seu nome, pouco se coñece desta iniciativa que ameaza con facer desaparecer 300 mil metros cadrados de monte veciñal en man común. Apenas algunhas infografías publicadas na imprensa, nas que se presentaban espazos como unha lagoa artificial navegábel, pistas de esquí artificial e o reclamo da instalación de grandes marcas como Ikea. O certo é que desde que en 2013 se comezara a falar deste proxecto, a día de hoxe na Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo non hai ningún expediente iniciado. Nin unha soa páxina consignada. Anuncios, promesas e moita propaganda. Pero máis nada. Catro anos despois non se coñece ningún detalle concreto dun proxecto pantasma que continúa a ameazar o monte de Cabral.

 

Desde que se anunciou en 2013, o fondo de investimento Eurofunds inda non presentou un proxecto concreto

 

A anulación do PXOM do 2008 deixou fóra do ordenamento urbanístico o seu posíbel desenvolvemento. Porén, os sectores favorábeis á súa instalación, liderados pola Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Cabral --malia esta ter rexeitado xa na altura de 2013 en asemblea apoiar o proxecto--, iniciaron durante o verán unha forte campaña propagandística e axitativa que procura sumar apoio social ao reclamo de que o novo PXOM vigués permita a súa instalación. A campaña inclúe unha intensa recollida de sinaturas, baixo a promesa de que Porto Cabral ha de supor 4 mil postos de traballo para a cidade. Polo momento xa lograron 15 mil sinaturas, mais agardan totalizar 25 mil para acompañar unha proposición non de Lei diante do Parlamento. 

 

Orixes

 

O PXOM aprobado en 2008, e anulado por decisión xudicial en 2016, prevía un ámbito urbanístico en Cabral, o polígono de Liñeiriños, que afectaba 300 mil m2 de monte veciñal en man común, habilitando (na cualificación urbanística) a posibilidade de que se instalasen usos de tipo comercial e loxístico. No entanto, o desenvolvemento do polígono tería de ser, si ou si, de iniciativa pública, e dado que sería necesaria a expropiación pública deses terreos de monte comunal, sería indispensábel a motivación do “interese público”, e este debera ser sempre superior ao beneficio que supón a existencia do propio monte.

 

Antes da anulación, na altura do 2013 un fondo de investimento (Eurofunds) anuncia a súa intención de promover a instalación dunha “grande área comercial e de lecer”, o proxecto Porto Cabral. O mesmo inclúe unha lagoa artificial navegábel, unha pista de esquí, amais dun xigantesco centro comercial. Sobre ese modelo xa se construíron outros espazos como Porto Venezia en Zaragoza, cuxo impacto supuxo un duro golpe para o pequeno e mediano comercio local e unha destrución neta de emprego no sector comercial.

 

Imposibilidade legal

 

Anulado o PXOM de 2008, a ordenación urbanística na cidade olívica pasou a se rexer polo PXOU do ano 1993, no mesmo non figura o polígono de Liñeiros, e polo tanto, un proxecto como Porto Cabral en ningún caso podería instalarse nese lugar.

 

Para ser realizábel, Porto Cabral necesita que o novo PXOM que non se aprobará antes de 2022 o permita

 

En 2016, a maioría absoluta do Partido Popular, aprobou no Parlamento galego unha modificación legal que permitía que nos concellos cun PXOM anulado, se poidan legalizar proxectos de iniciativa pública e de acreditado interese xeral ou supramunicipal, en ámbitos concretos, sempre e cando estes xa estivesen contemplados no planeamento anterior e co acordo entre Xunta e Concello. A través dese mecanismo legalizouse, por exemplo, a recente ampliación da factoría de PSA Peugeot-Citroën no polígono da Zona Franca en Balaídos. Porén, polas características do proxecto de Porto Cabral, e sobre todo dado que o mesmo inclúe expropiacións, este non podería legalizarse a través desa vía.

 

Aliás, na ordenación provisional que está a tramitar o Concello de Vigo entrementres se elabora o novo PXOM tampouco tería posibilidade de se materializar un proxecto das características de Porto Cabral nesa localización.

 

Catro anos despois do seu anuncio, Porto Cabral fica sen opcións a curto e medio prazo. Só a súa inclusión no novo PXOM, que non se aprobará de maneira inicial antes do segundo semestre do ano 2022, podería viabilizar que esta polémica iniciativa empresarial se tornase en realidade. Nese sentido, a campaña pública a prol do proxecto estaría a perseguir lograr o maior abrigo social para facilitar que o Goberno municipal, arestora con maioría absoluta do PSOE, non lle fechase as portas no próximo plan. 

 

Dentro desa campaña inclúese a iniciativa da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Cabral –presidida por un significado militante do PSOE--, e outros colectivos afíns, de promover unha Iniciativa Lexislativa Popular para levar ao Parlamento galego unha Proposición non de Lei (con efectos políticos mais non lexislativos) instando a Xunta a facilitar a instalación de Porto Cabral cualificándoo de proxecto de “grande interese público” e/ou de “interese supramunicipal”, para legalizar urbanisticamente esa operación malia estar anulado o PXOM.

 

Oposición

 

O PSOE no Concello de Vigo non parece apoiar esa opción, inda que apoia Porto Cabral, e defende volver incluílo no PXOM, posibilidade á que se opoñen radicalmente tanto o BNG como o grupo municipal de Marea de Vigo. O PP de Vigo afirma non ter fixada unha posición definitiva, inda que non ten realizado ningunha declaración nin aceno de rexeitar o proxecto de Porto Cabral.

 

A maioría das comuneiras, colectivos ecoloxistas, comerciantes e BNG e Marea de Vigo opóñense ao macrocentro comercial, que si é apoiado por PSOE e PP.

 

Os colectivos opositores a Porto Cabral, fundamentalmente nucleados polo sector crítico coa dirección da Comunidade de Montes, veciñanza do barrio, colectivos ecoloxistas, a maioría das asociacións de comerciantes da cidade e partidos políticos (BNG e Marea de Vigo), están a traballar en dar contestación á campaña de intoxicación promovida por Eurofunds e a Comunidade de Montes e da súa ILP, a través de accións conxuntas. Para iso, levan varias semanas avanzando na posibilidade de constituír unha “mesa de traballo” aberta a todas as entidades e colectivos sociais que quixeren sumarse á oposición a Porto Cabral, e na que queren contar cos tres sindicatos. En maio de 2013, CIG, CCOO e UGT, por iniciativa do sindicato nacionalista, emitiron un posicionamento conxunto no que expresaban o “rexeitamento” ao proxecto de Porto Cabral. Prevese que nas vindeiras semanas se inicie un calendario de accións no marco dunha contracampaña á iniciada por Eurofunds.