Seis positivos nun foco de coronavirus en Pedrafita do Cebreiro

Pallozas, Pedrafita do Cebreiro (Xunta da Galiza).
Continúan os labores de rastrexo na zona, onde xa localizaron e illaron 35 persoas.

Un foco localizado en Pedrafita do Cebreiro, na comarca dos Ancares, afecta a seis persoas e motivou que outras 35 estean en corentena, segundo informaron fontes sanitarias.

Durante a xornada do sábado detectáronse dous contaxios na zona que activou o protocolo de seguimento de contactos. Os labores de rastrexo deron con 35 persoas ás que lles realizaron probas PCR, das cales, catro deron positivo.

Todas permanecen en illamento mentres as autoridades sanitarias continúan coas tarefas de vixilancia e e seguemento para tratar de localizar a outros posíbeis contaxios.

Cincos positivos nun cámping de Muros

Este sábado tamén se coñeceron dous casos positivos nun cámping de Muros que requiriu o illamento dunha vintena de usuarios, contactos estreitos dos contaxiados durante a súa estadía na zona da praia de Louro.  As probas PCR realizadas nas últimas horas revelaron que outras tres persoas están contaxiadas, o que eleva a cinco o total de positivos.

Ao longo deste domingo, un equipo sanitario encargarase de facer PCR ao resto dos ocupantes do cámping.