BOTA ABAIXO A INICIATIVA DE AGE

O PP di que usou drons de uso militar en Rozas “para desafectalos e homologalos”

[Imaxe: US Air Force] Modelo de dron, MQ-9 Reaper

O deputado do PP, Jaime Castiñeira, desmentiu que o aeródromo de Rozas, do que salienta o seu carácter civil, vaia ser destinado ao voo de drons de carácter militar. Sinala que as probas con algún dron militar tiveron lugar para “desafectalos e homologalos” de cara unha práctica distinta.

 

Na súa intervención no debate dunha proposición parlamentar de AGE -decorrido esta cuarta feira-, o Partido Popular, a través do deputado Jaime Castiñeira, asegurou que o aeródromo de Rozas non se empregará para prácticas con drons de carácter militar. Castiñeira puxo de manifesto que se probou algún dron militar co fin da súa “desafectación e homologación” para outro uso. O deputado de AGE Ramón Vázquez reprobou o parlamentar do PP por ter recoñecido en sede parlamentar a existencia de drons de usos militares en Rozas, “no pleno tivo a torpeza de admitir a existencia de drons de uso militar e agora emprega unha cortina de fume”.

Castiñeira, que defendeu o carácter civil do aeródromo, acusou o parlamentar de AGE de “mentir, manipular e enganar os veciños de Castro de Rei”. Criticou, ademais, que AGE defenda a construción de material militar nos estaleiros, “para unha fragata non teñen problema por que se faga en Ferrol”. “Defendemos que empresas públicas fagan armas”, contestoulle Ramón Vázquez.

O pasado 12 de setembro unha aeronave militar non tripulada, modelo Searcher MK II J, realizou un percorrido de hora e media ao redor do aeródromo de Rozas

No debate da proposición, que o PP tombou cos seus votos en contra e que contara coa luz verde de AGE, PSOE e BNG, Ramón Vázquez lembraba as declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre o aeródromo: “será o centro de cabeceira do INTA en España para o desenvolvemento e o ensaio de tecnoloxías en avións non tripulados de uso civil”. O parlamentar de AGE desmentiu as palabras de Feijóo e salientou que o pasado 12 de setembro unha aeronave militar non tripulada, modelo Searcher MK II J, realizou un percorrido de hora e media ao redor do aeródromo de Rozas, tal e como informara o exército de terra.

Na iniciativa, AGE solicitaba facer pública “toda a documentación sobre as xuntanzas da Comisión de Seguimento e Coordinación en virtude do Convenio de colaboración asinado o 5 de novembro do 2014 entre a Axencia Galega de Innovación, o IGAPE e o INTA” e pedía reprobar o presidente da Xunta “por ter mentido á Cámara e a cidadanía galega, ao afirmar un uso civil onde xa coñecemos probas de carácter militar”.