Alberte Blanco, coordinador de "O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?"

"O PP facilitou o tipo de política forestal baseada practicamente no monocultivo"

Alberte Blanco

Sermos Galiza edita un novo libro co que agasallará subscritoras e subscritores do semanario e que estará á venda nas librarías. Coordinada por Alberte Blanco, director xeral de Montes na Consellaría do Medio Rural entre 2005 e 2009, a obra é unha radiografía do monte galego, con perspectivas de futuro e propostas para mudar unha situación que as autoras e autores ven “caótica”. O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional? sairá á rúa o 26 de abril, en coincidencia co V aniversario do Sermos dixital. 

Defendedes no libro que a situación do medio rural na Galiza non é produto da fatalidade histórica. Cal é o estado do monte a día de hoxe?

O monte hoxe é froito de toda unha planificación. Desde o momento en que Ence, a finais dos sesenta, decide que o eucalipto vai ser a materia prima exclusiva da súa fábrica na ría de Pontevedra, hai unha potenciación desa especie que se reparte practicamente por todo o litoral. Mentres que nas primeiras décadas do século XX, había unha planificación estrutural do monte, na década dos sesenta e setenta plantouse eucalipto dunha forma absolutamente descontrolada e caótica. O que se produciu foi xa unha situación endémica, cun deterioro e unha degradación moi importante dos ecosistemas forestais. Vemos unha gran parte de eucaliptais nun estado lamentábel, non como un elemento de silvicultura normal, senón como unha colonización caótica dunha especie que está arruinando moitísimas terras que poderían ser explotadas dunha maneira moito máis rendíbel e dunha forma moito máis organizada. Hoxe o monte é o resultado dunha planificación caótica a partir da década dos sesenta, onde o deterioro desta especie levou ao contexto actual e os incendios están relacionados con toda esta situación.

Que balanzo fas da política forestal implantada nos últimos anos?

O PP sempre facilitou o tipo de política forestal baseada practicamente no monocultivo, e outro tipo de variantes, como o de favorecer a biodiversidade, é máis unha pose mediática que unha posición estratéxica de fondo. Por tanto, nos últimos anos o monte galego non variou esencialmente en relación coa situación anterior. O que se produce é o avanzo do eucalipto por unha cuestión puramente biolóxica, é unha planta moi difícil de eliminar e de carácter invasivo e endémico e avanza en detrimento, por exemplo, do piñeiro. O eucalipto está deteriorando unha gran cantidade de bosques mixtos. Esta é unha situación froito non tanto dunha política dos últimos anos, senón dun continuísmo negativo ao non ter cambiado esas tendencias prexudiciais que se ven no noso bosque. Cando estabamos na Consellaría do Medio Rural, intentamos mudar o paradigma forestal no sentido de volver á biodiversidade, potenciar as especies que teñen un valor produtivo, pero dentro dunha planificación racional e que for concordante cos biosistemas que existen no monte galego. Esa tarefa necesita de moitos anos e o PP non está por ese labor.

Cales son as necesidades do monte?

Neste momento, hai que formularse unha planificación dos recursos e para iso habería que resolver un problema previo, o minifundismo forestal, que impide unha explotación racional do noso monte. Nós creamos as UXFOR, aquelas unidades de xestión forestal que derrogou o PP, que creou esta figura estrañísima que non ten percorrido nin futuro que son as SOFOR e que carecen de soporte económico e de divulgación. Calquera tipo de actuación que queira cambiar a estrutura forestal do país require non só recursos económicos, senón tamén humanos, por parte da propia administración, que divulguen, informen e formen todos os axentes para levar adiante o proxecto. E debe contar coa súa complicidade, debe ser un proxecto que naza da necesidade do medio rural e non unha ocorrencia que non conta con ningunha complicidade. No libro revelamos que había unhas cen UXFOR poucos meses antes da convocatoria de eleccións, e practicamente levabamos sete ou oito meses traballando nelas, porque houbo que preparar as leis pertinentes para darlles soporte xurídico-legal. En cambio, a Xunta ten agora menos de media ducia de SOFOR aparentemente en funcionamento. As UXFOR eran unha necesidade que nacía da xente vinculada ao sector forestal e delas podían saír proxectos de novas plantacións, unha estrutura forestal diferente apoiada na morfoloxía do medio rural onde a dispersión poboacional é tan importante. Se non tes en conta a morfoloxía, corres o risco de converter o monte nun auténtico polvorín.

"Apostamos na multifuncionalidade, non só nun monte dedicado á extracción da madeira, senón onde poidan convivir outras actividades económicas rendíbeis"

No libro salientades a viabilidade dun monte sustentábel.

O monte sustentábel é obxecto da política que levabamos a cabo na Xunta. O monte sustentábel é aquel que permite producir, ter unha economía forestal que satisfaga os habitantes do medio rural e garantir que quen veña despois poida seguir gozando dun monte que siga producindo e que á vez sexa respectuoso co medio ambiente, garantindo que o que se fai no presente non vai producir unha degradación no futuro. Para min iso é un monte sustentábel e é perfectamente viábel, pero hai que cambiar as tendencias e os vectores, que van na dirección de converter o monte nun monte caótico. Nós apostamos na multifuncionalidade, non só nun monte dedicado á extracción da madeira, senón onde poidan convivir outras actividades económicas rendíbeis.

Cales son as potencialidades do monte?

A cuestión madeireira é un tema fundamental, hai que ter en conta que a madeira é unha necesidade para o país, non podemos pensar que no monte pode haber de todo menos madeira. Pero a madeira ten que ser aquela que provén de árbores que garantan a sustentabilidade, que non deterioren edafoloxicamente o solo do monte e que sirvan para crear riqueza e para a continuidade da cadea monte-industria,de acordo coas características de industria racional. Os cogomelos por exemplo son unha fonte potencial de riqueza nun país como o noso; a castaña, tamén, dependendo das zonas do país; as plantas aromáticas poderían selo, ao igual que o valor paisaxístico. E poderíamos falar da gandaría extensiva e do pastoreo como actividades complementarias ligadas ao monte.

Dedicádeslle un capítulo do libro ao Banco de Terras, unha aposta fundamental cando dirixiades a Consellaría do Medio Rural.

No noso país había un déficit de terras dedicas á explotación agrícola e tamén terras abandonadas. Entón o Banco de Terras é un instrumento avanzado e moi interesante para que aqueles propietarios aos que lles interesa a explotación dunha parcela forestal ou agrícola poidan incluíla nese banco e mesmo sacar un beneficio por un canon razoábel de carácter anual. Para que esa filosofía funcione, é necesario que a Administración se involucre e que non só manteña a lei vixente. O fundamental é a vontade política de querer usar o instrumento e o PP non promove o seu uso. Ao PP non lle interesa este tipo de medidas que teñen a ver co desenvolvemento do país, con marcar un futuro diferente para que o país poida usar todas as súas potencialidades e para conseguir que o medio rural sexa un lugar gratificante para facer unha actividade económica. Se as cousas non cambian, a tendencia no medio rural é negativa e pesimista. Todos os dados apuntan ao deterioro desde o punto de vista demográfico e económico. A situación é crítica e precísase dun cambio radical.

“Moita xente pode buscar o futuro no rural”

Ves posíbel que a emigración campo-cidade mude por unha emigración cidade-campo?

Se hai vontade política, pódese facer. Primeiro hai que ter un plan de desenvolvemento rural, unha campaña de promoción do medio rural con proxectos concretos que hai que apoiar economicamente desde o Goberno galego. Se se fai ese plan con suficiente intensidade nun tempo sostido, é evidente que se pode conseguir, porque hai xente nas grandes cidades que non ten futuro pola contracción industrial importante e polo paro. É necesario que o Goberno lle dea alternativas a esa xente e poña en marcha unha serie de recursos para desenvolver proxectos no rural, tanto a nivel forestal como agrícola e gandeiro. Evidentemente, así, moita xente empezaría a buscar o futuro por esa banda. Nós experimentámolo na Consellaría, o medio rural é moi receptivo a proxectos razoábeis e realistas. Se hai vontade política e un plan autocentrado, é evidente que vai haber futuro, pero nada se resolve en dous días. Mesmo na formulación autonómica presente hai moitas capacidades aínda que esgotar e que poderían dar moito de si para traballar de cara ao futuro.