O PP foi denunciado por censar en Mi Casa persoas para as eleccións locais
As denuncias de malos tratos presentadas contra a residencia Mi Casa non sorprenderon en Pazos de Borbén. Segundo sinalan a Nós Diario varios veciños da localidade “era algo sabido en toda a zona desde hai tempo”. Na mesma liña, critican que a Xunta da Galiza non teña actuado até facerse públicas diversas imaxes que evidencian a falla de calidade asistencial do centro de maiores.
“A veciñanza está escandalizada coas imaxes que saíron nos medios de comunicación, pero non a colle por sorpresa”, comenta a Nós Diario un veciño de Pazos que quere gardar o anonimato. Esta persoa, destaca que “se sabía que a residencia funcionaba mal, que o trato aos maiores non era axeitado”.
Reincidentes
O sindicalista da CIG Pedro Pérez coñece de vello o funcionamento da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén. Así, en 2017 denunciou que “a dirección do centro confinou durante catro horas cinco usuarios da residencia para que a inspectora da Xunta non os atopase”. Segundo Pérez, “unha vez que chegou a Garda Civil ao centro a petición da inspectora apareceron os cinco maiores, fechados no alpendre para agochar que a residencia tiña usuarios de mais”.
O centro de maiores volveu ocupar o primeiro plano da actualidade en maio de 2019. Naquela altura, a totalidade dos grupos que concorrían ás eleccións locais de Pazo de Borbén, agás o PP, denunciaron o empadroamento na residencia Mi Casa de 11 persoas doutras localidades, ningunha delas en idade de xubilación. As forzas da oposición entendían que con estes feitos o PP pretendía “engordar” artificialmente o censo, empregando canda a residencia como lugares de empadroamento para persoas alleas ao municipio, entre outras, vivendas propiedade de dous concelleiros do Partido Popular.
Denuncias
As denuncias chegaron á Xunta Electoral de Vigo e á Fiscalía. Así, o primeiro dos escritos, asinado polos representantes de Alternativa Veciñal, Ciudadanos, BNG e PSdeG, enumeraba os nomes de 11 persoas que se “empadroaron recentemente neste municipio (a metade o mesmo día, 27 de decembro de 2018), fixando a súa residencia na rúa da Igrexa, 5,Amoedo, Pazos de Borbén, sede dunha residencia de anciáns Mi Casa, non alcanzando ningún a idade oficial de xubilación. Sendo ademais os propietarios desta residencia de maiores, adxudicatarios por parte do Concello dun contrato de prestación de servizos de axuda no fogar".
O voceiro de Alternativa Veciñal, Luciano Otero e o responsábel local do BNG de Pazos, Xurxo Pardo, saben destes dous escritos. Neste sentido, o primeiro lembra que “catro destas persoas estaban vinculadas ao equipo de fútbol sala da localidade, cuxo adestrador é o concelleiro de Deportes do PP, Francisco Amoedo Lorenzo, outra era o xornalista do concello e outra unha administrativa do concello contratada temporalmente”.
Xurxo Pardo significa as vinculacións entre parte das persoas empadroadas na residencia e o PP que goberna no municipio. A este respecto, destaca que “a Fiscalía certificou irregularidades nos feitos denunciados pero non observou materia penal”.