En contraste coa posición da formación conservadora no Pino

O PP de Touro pide á Xunta que denegue o proxecto da megaminería

Un aspecto dos terrenos da mina que se pretende reabrir

O pleno do concello aprobou un texto da formación conservadora  —en realidade, unha emenda a unha iniciativa do BNG—en que se demanda á Xunta que se "proceda á denegación da solicitude presentada", unha vez que os informes sectorais realizados pola administración galega son contrarios á reapertura da mina.

Nun ambiente non exento de tensión —con traballadoras e traballadores das empresa do grupo de Francisco Gómez (o empresario titular da concesión e dos terrenos da mina) a obstaculizaren o paso de concelleiras e concelleiros ao pleno—, a corporación de Touro debateu esta sexta feira unha iniciativa do BNG a prol da "denegación da autorización ambiental do proxecto" e o "rexeitamento definitivo do mesmo polo enorme rexeitamento social manifestado" e tamén "en base aos propios informes sectoriais" [análises feitas por técnicas da administración galega] que poñen ao nú "a imposibilidade de compatibilizar esta actividade cos usos forestais e agrarios da zona afectada".

 

Alén diso, o BNG —representado por 2 edís na corporación, por 8 do PP e 1 do PSOE— demandaba tamén a posta en andamento dun plano efectivo que poña fin á contaminación "das augas en todos os regatos e ríos das contorna da anterior mina".

 

O PP non deu apoio á literalidade desta iniciativa, mais quixo pór de manifesto a súa posición coa apresentación dunha emenda que si foi aprobada, dado que o partido conservador ten maioría absoluta no pleno. Através dela, o PP demanda explicitamente á Xunta "a denegación da solicitude presentada" para a reapertura da mina. E faino co argumento de que os informes técnicos da administración galega poñen en cuestión a viabilidade da explotación e constatan o risco de contaminación sobre as augas coa conseguinte afectación da saúde das veciñas e dos veciños.

 

A emenda do PP reclama tamén ao goberno galego e a empresa propietaria dos terrenos [Explotaciones Gallegas] unha "planificación" que "poña fin a contaminación de ríos e regatos que estean afectados pola mesma".

 

"En realidade, a emenda do PP é na práctica un calco da nosa iniciativa", avalía Xan Louzao, concelleiro do BNG en declaracións a Sermos Galiza. "Non querían aprobar o noso texto, querían aprobar o seu. En todo caso, estamos perante unha mudanza significativa da súa posición. En novembro pasado, perante unha moción nosa, aínda defendían a mina", alega. A posición que adopta o PP en Touro contrasta coa postura favorábel ao proxecto megamineiro expresada días atrás polo partido conservador no concello de O Pino.

 

Louzao critica tamén o grupo de empresas de Francisco Gómez por "utilizar as traballadoras e os traballadores das súas compañías" —o concelleiro do BNG refere que empregados do empresario obstaculizaron o acceso dos edís ao pleno— e por "tentar enfrentar uns veciños contra outros".

 

Nota: Reproducimos a emenda do PP e incluímos unha fotografía de persoas contrarias ao proxecto megamineiro durante o pleno do concello facilitada pola plataforma veciñal.