crise dos pellets

PP e Vox fican sós no Parlamento europeo apoiando a xestión da Xunta na crise dos pellets

Pleno de onte no Parlamento Europeo. (Foto:Parlamento Europeo).

A crise dos pellets centrou boa parte da actualidade política na xornada de onte nas institucións comunitarias. Neste contexto, o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, reclamou unha nova lexislación que evite situacións como as vividas na Galiza.

O comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, que durante a mañá desta quinta feira mantivo reunións cos eurodeputados galegos do PP, BNG e PSOE, amosou a súa disposición a unha reforma da normativa comunitaria co obxectivo de asegurar unha embalaxe de boa calidade e un almacenamento seguro dos pellets que se transportan por vía marítima a bordo dos buques. Neste sentido, abriu a porta a unha mudanza da lexislación da Unión Europea (UE) para evitar situacións como a acontecida na Galiza e a estabelecer máis medidas de control e prevención no transporte marítimos de plásticos.

O comisario europeo premeu os Estados membros da Unión Europea a uniren esforzos dentro da Organización Marítima Internacional (OMI) para lograr "unha rápida conclusión das deliberacións sobre este tema". A OMI, unha entidade dependente da Organización de Nación Unidas (ONU) que criticou en días pasados a proposta da Xunta da Galiza de retirar os pellets do mar, aposta por impedir o tráfico a granel destas mercadorías e traballa por aprobar unha nova normativa para o seu transporte, coa oposición de varios Estados da UE e da patronal europea da industria química.

Ana Miranda

A xestión da crise dos pellets por parte da Xunta da Galiza centrou boa parte da sesión desta quinta feira no Parlamento europeo. Neste sentido, a representante do BNG, Ana Miranda, que impulsou o debate na Eurocámara, advertiu da "falta de medios" que puxo o Goberno galego e da ausencia de transparencia. A este respecto, asegurou que “estamos diante dunha tremenda falta de responsabilidade”, nunha “nación altamente dependente da pesca e do marisqueo”. Na mesma liña, considerou "fundamental" que a Comisión "adopte medidas estritas que melloren a seguridade do transporte, incluído o marítimo”. 

Miranda puxo de manifesto que o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca recoñeceu “que el mesmo é consciente de que houbo unha falla de coordinación”. Asemade, apuntou que “esta incompetencia do PP non é nova, xa que recorda a xestión do Prestige” e reclamou “considerar os pellets mercadorías perigosas", así como estabelecer normas "máis estritas de empaquetado, etiquetado, carga, estiba e manipulación, así como medidas máis estritas de transporte marítimo para evitar perdas accidentais”.

PSdeG

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares denunciou a “marea de incompetencia, ocultación e mentiras" por parte do Goberno galego, que "pasou semanas negando a importancia dunha contaminación, e cuxa nefasta xestión deixou a concellos e cidadáns á súa sorte nas tarefas de limpeza”. Nesta liña, asegurou que os pellets comportan “un serio risco para a saúde e o medio ambiente, que hai que combater, como fan a Comisión e o Goberno de España” e esixiu “unha lexislación europea reforzada e ambiciosa, como a que propuxemos os socialistas no Parlamento europeo”.

González Casares demandou “mellor coordinación europea para afrontar a crise ambiental ocasionada polos pellets e apoio para a restauración dos danos que provocaron sobre os ecosistemas”. A este respecto, o socialista defendeu a necesidade de “estender o regulamento contra a contaminación por pellets ao comercio marítimo internacional" e por estabelecer "a xeolocalización obrigatoria de contedores para axudar á xestión en caso de accidente”.

As críticas á Xunta da Galiza pola súa actuación na vertedura de pellets chegaron da práctica totalidade do abano político da Cámara europea. Ás mesmas, sumáronse representantes dos grupos liberais, verdes ou da esquerda, destacando entre estes a eurodeputada de Podemos, Idoia Villanueva, quen lamentou que “o PP siga negando a gravidade da catástrofe" que supuxo a vertedura de 25 toneladas de pellets fronte ás costas galegas, "do mesmo modo que nega o cambio climático e que só vía algúns ‘hilillos’ de plastilina no desastre do Prestige".

PP e Vox, da man

A xestión do Goberno de Rueda só foi defendida polos representantes do Partido Popular e de Vox. Así, o eurodeputado popular Francisco Millán Mon asegurou que "a Xunta da Galiza a nin descansa nin descansará até que as costas e praias queden totalmente limpas. Está a realizar un gran despregamento de medios, tamén en mar e aire máis aló das súas competencias, á vista da total inacción do Goberno" do Estado. Nesta liña, denunciou que o Executivo español “suprimiu a referencia expresa aos pellets na proposta de reforma da Directiva 2005/35/CE, relativa á contaminación procedente de buques”.

Millán Mon, que presentou a Xunta da Galiza como "vítima dunha dobre inxustiza", cargou na súa intervención contra a “maquinaria de desinformación e vertedura de bulos posta en marcha nas últimas semanas polo Goberno de España, o Partido Socialista e o BNG”. Así, demandou a estas formacións que “abandonen o electoralismo de curtas miras" porque “témome que poidan danar a imaxe da Galiza e da nosa prestixiosa cadea mar-industria. Desde o Partido Popular non o podemos permitir”.

O voceiro de Vox, Jorge Buxadé, manifestouse en termos semellantes e acusou nacionalistas e socialistas de buscaren “rédito electoral” e de xogaren "ao desastre ambiental", pondo de manifesto que “a verdadeira catástrofe é a destrución do sector pesqueiro español".

Máis de 120 colectivos chaman a manifestarse o domingo en defensa do mar

A manifestación en defensa do sector do mar convocada para o vindeiro domingo 21 de xaneiro en Santiago de Compostela continúa sumando adhesións. Neste sentido, a mobilización conta co apoio de máis de 120 entidades, entre elas as plataformas en defensa da ría de Arousa e de Muros-Noia, organizacións galegas de bateeiros, diversas agrupacións de mariscadores e mariscadoras, confrarías de pescadores e distintos colectivos ecoloxistas que teñen organizado durante estes días o voluntariado de limpeza das praias afectadas pola vertedura do Toconao.

Unha das últimas entidades en sumarse á marcha é a confraría de pescadores de Noia, a primeira da Galiza en número de mariscadores e mariscadoras, que agrupa máis 1.500 asociados. Precisamente, a ría de Muros e Noia é unha das máis castigadas pola caída da produción, até o punto de que a actividade marisqueira permanece paralizada nesta comarca desde o 2 de decembro, após unha campaña de Nadal que só durou sete días para o marisqueo a pé e oito días para o marisqueo a flote.

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, cargou esta quinta feira contra a mobilización. Nunhas declaracións realizadas na rolda de presa posterior ao Consello da Xunta, o xefe do Executivo sinalou que “a manifestación, con todo o respecto ás persoas de boa fe que acudan, e unha manifestación da oposición, que segue mentindo e levantando bulos por un mero interese político e electoral”. Neste sentido, o titular da Xunta da Galiza instou nacionalistas e socialistas a mudaren “de estratexia”.