A praga europea de chinches chega a Compostela “nas mochilas de peregrinos”

Dous peregrinos descansan na praza do Obradoiro, en Compostela. (Foto: Nós Diario).

Hostalaría Compostela alerta da aparición en aloxamentos de chinches que chegan "nas mochilas” das camiñantes.

A presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, deu conta esta cuarta feira das primeiras chamadas de socios para alertar da presenza de chinches en aloxamentos composteláns e pediu que se poñan medidas desde a Administración galega tendo en conta que chegan a Santiago "nas mochilas de peregrinos".

A través dun comunicado, Santos pediu ao sector que "extreme as precaucións" para previr que esta situación, de momento "anecdótica", poida converterse "nun problema grave".

Ademais, reclaman que a Xunta da Galiza, os albergues, os aloxamentos do Camiño e as empresas de transporte "tomen conciencia disto", xa que as chinches "chegan aos establecementos nas mochilas dos peregrinos".

A presidenta de Hostalaría Compostela cre que é necesario "normalizar a situación, previla e estabelecer un protocolo de actuación común", non só en relación aos estabelecementos se non tamén "para que os propios peregrinos sexan conscientes de que poden ser picados por unha chinche no Camiño e levalas consigo na súa equipaxe e a súa roupa".

Ás peregrinas e aos peregrinos que chegan facendo o Camiño de Santiago Sara Santos pediulles que "revisen sempre a súa mochila e as súas pertenzas" e que avisen os responsábeis dos establecementos se detectan algún destes insectos.

Estes parasitos, as chinches, fixéronse co foco mediático en Europa nos últimos meses do ano 2023, após detectarse unha praga en París que logo se estendeu a outras cidades do continente, transmitida probabelmente na equipaxe das viaxeiras.

Hospitais, transporte público, cines, habitacións de hoteis... A situación chegou a ser crítica na capital francesa, e Estados como o español ou o portugués non foron alleos ao problema, rexistrando o primeiro un incremento do 71% das pragas de chinches entre xaneiro e setembro de 2023 respecto do mesmo período do ano anterior.  

Aínda que non transmiten ningunha enfermidade cando pican aos humanos para alimentarse do seu sangue, a súa presencia resulta molesta polo intenso proído que provocan.