Praias sen socorristas: entre a escaseza de persoal e unha Xunta "desaparecida"

Efectivos de salvamento e socorrismo nunha praia de Carballo, na comarca de Bergantiños. (Foto: Emerxencias de Carballo)
Desde hai anos a chegada da temporada estival á Galiza está marcada para moitos concellos costeiros polo quebracabezas que lles supón poder garantir o servizo de socorrismo e salvamento nas súas praias e areais durante os meses do verán. Cada vez máis concellos recorren a empresas privadas para poder garantilo e demandan do Goberno unha maior implicación.

A Galiza ten 114 praias co distintivo de Bandeira Azul, un símbolo que implica a obrigatoriedade de ter servizo de socorrismo. A Galiza ten, tamén, 1.500 quilómetros de costa, polo que hai centos de areais que non teñen esa bandeira mais que acollen miles de visitantes e bañistas e que tamén precisan o servizo de socorrismo, unha responsabilidade de velar pola seguridade nas praias que recae nos concellos. Isto implica a necesidade dun bo número de profesionais, que non hai. Unha eiva que se arrastra desde hai anos e que as reformas introducidas pola Xunta da Galiza para regular a profesión non foi quen de solucionar. O resultado é que a Galiza afronta este verán, unha vez máis, cunha escaseza de socorristas nos areais.

A situación leva a que diferentes concellos estean apostando desde hai anos por externalizar o servizo de socorrismo, contratando empresas privadas especializadas que se encargan deste asunto. "Hai dez anos contratabamos 25 socorristas que atendían 7 praias", explica en conversa con Nós Diario José A. Cacabelos (PSdeG), alcalde do Grove (O Salnés).

"Levamos 3 anos con 15 socorristas e este ano tivemos que sacar un concurso para que se encargue unha empresa especializada e cubrirase o servizo en 3 praias, as de maior afluencia, o resto non", apunta o rexedor desta localidade ao pé da ría de Arousa que no verán chega a cuadriplicar a poboación. Cacabelos apunta ao financiamento como un dos problemas: o servizo de socorrismo custa ás arcas grovenses 200.000 euros e a Xunta "como moito" dá 40.000, en base a unha orde de axudas publicada o pasado 31 de maio e que "non sabemos se nos van dar esa subvención" até pasado o verán.

O alcalde de Noia (comarca homónima), Santiago Freire (PP), indica a este medio que o problema no servizo de socorrismo deriva de que "non hai oferta para cubrir tanta demanda", polo que hai areais que non van dispor deste servizo. E Ana Ermida (BNG), alcaldesa de Barreiros (A Mariña), apunta a Nós Diario que "é imposíbel cubrir todos os areais" e que se dá "unha competencia duns concellos con outros polos socorristas".

Recoñece que no caso deste municipio mariñao, este ano "adiantamos a contratación e puxemos fondos propios, aproveitamos que na comarca se fixo un curso de habilitación para ter o título". Precisamente isto, máis cursos para ser habilitado como socorrista, é unha das demandas que se fan desde os concellos. 

En 2012 a Xunta aprobou un decreto para intentar regularizar esta profesión. Endurecéronse criterios e requisitos e o que aconteceu foi que se reduciu o número de persoas tituladas: o número de cursos no ámbito público era escaso e no privado, caro. En 2021 modificouse esa norma introducindo unha maior flexibilidade. O técnico da Federación de Socorrismo e Salvamento Sergio García apunta a este medio que, após uns anos de "baixón" en tituladas, semella que hai indicios de "recuperación".

O problema persiste

Mais o problema continúa. Por que? Para alén de que os efectivos sexan escasos, a de socorrista é unha ocupación limitada na Galiza a dous ou tres meses de traballo, cando noutras comunidades son seis meses "e nas illas Canarias é todo o ano", lembra García. "Na Galiza a de socorrista non é vista como unha actividade profesional en si mesma, senón como complemento", opina Cacabelos. Por iso hai quen opta por marchar da Galiza cara a eses outros territorios. Ademais, os salarios aquí móvense ao redor de 1.300 euros. 

Desde os concellos tamén se mira cara á Xunta, da que se demanda unha maior implicación. Non só económica, fornecendo máis fondos para que os municipios poidan afrontar os custos do servizo; senón, e como a alcaldesa de Moaña (O Morrazo), Leticia Santos (BNG), propuña esta semana en Nós Diario, tamén "promovendo e financiando cursos de formación para socorristas nos concellos e nas áreas universitarias, achegando así o acceso á titulación por parte da xente moza, independentemente da súa zona de residencia". Ou "creando unha bolsa de socorristas a nivel galego, da que poidamos tirar os concellos, similar á existente para os auxiliares de policía local, o que simplificaría os procesos de selección e contratación do persoal".

Mais non semella, en principio, que o Goberno galego vaia tomar nota destas propostas. Esta mesma semana, e ante unha pregunta parlamentaria formulada polo PSdeG e na que se instaba a Xunta da Galiza a ter un “compromiso político e económico” do Executivo galego para garantir o servizo de socorristas nos espazos acuático, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, respondeu que o socorrismo era unha competencia dos concellos "e polo tanto é súa responsabilidade garantir o seu financiamento".

Á cabeza do Estado en número de afogamentos

A Galiza figura un mes máis como a comunidade con maior número de falecementos por afogamento en espazos acuáticos no que vai do ano, acumulando un total de 36 vítimas, segundo o Informe elaborado pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo. O informe detalla que só no mes de xuño de 2024, sete persoas perderon a vida por esta causa na Galiza, o segundo mes de xuño máis mortífero desde 2015.

A nivel estatal, xuño foi o segundo mes con máis mortes por afogamento non intencional nos espazos acuáticos desde que se comezou a elaborar o informe en 2015, rexistrándose un total de 61 persoas mortas por estas causas. A Galiza encabeza a lista de comunidades con máis afogamentos, seguida por Andalucía, con 32 mortes, e o País Valencià, con 27, onde se rexistraron 17 afogamentos só en xuño, representando case 28% dos casos dese mes. Outros territorios con cifras significativas inclúen Canarias, con 22 mortes, Catalunya, con 19, e Asturias, con 9.

En 2023, as persoas que perderon a vida na Galiza por afogamento foi de 46, sendo a cuarta comunidade con máis falecidas por este motivo e 11% do total de mortas no Estado.