Unha escolma do papel/Debates 2x5

Precisamos un cambio de fuso horario para Galiza?

Comezamos esta segunda feira en #VenhanMais5 unha nova serie, a dos debates 2x5 que foron aparecendo nas últimas semanas no semanario e que oferecemos aquí agora na súa integridade.

[NO 2X5 ABRIMOS UNHA XANELA Á PARTICIPACIÓN, NESTA ENQUISA PODES VOTAR SE ESTÁS OU NON A FAVOR DO FUSO HORARIO GALEGO]

 

Xuntamos nunha mesa Lito Prado e Jorge Mira, as dúas caras máis visíbeis que defenden as dúas opcións a respeito do fuso horario: mantelo tal cal é a aposta do profesor da USC Jorge Mira e cambialo na Galiza por razóns de aforro enerxético é a proposta de Lito Prado, educador e ecoloxista. Con este debate iniciamos o 5×2, unha sección creada para conmemorarmos o V Aniversario do Sermos Galiza en papel e que, durante dez semanas, nos levará a coñecer distintas opinións sobre asuntos de interese.

 

Sermos Galiza: Lito Prado, educador e ecoloxista, foi o primeiro que saltou á palestra pública para defender nunha asemblea do BNG en 2006 un fuso horario galego…

 

Lito Prado. Eu fun a cara visíbel desa proposta, mais desde o ano 89, en que eu estaba no grupo ecoloxista Biotopo da zona de Oleiros, xa falabamos do cambio de fuso. Pero iso non tivo repercusión até que así o quixo a prensa naquela Asemblea do BNG.

 

SG. Mentres, Jorge Mira, catedrático de Física da USC, vén de presentar un informe no Consello da Cultura Galega no que desaconsella cambiar o fuso horario español. Por que, Jorge?

 

Jorge Mira. A primeira cuestión é que a estabilidade horaria é un activo dun país. Nas épocas de guerra houbo moitos cambios de fuso e cando rematan, os fusos consolídanse. De feito, en épocas de paz desde a Segunda Guerra Mundial ningún país agás Islandia, creo, fixo cambios de fuso con estabilidade. Segundo: unha cousa que me rebota bastante é que se teñen usado argumentos que son falsos. E como se intenta mobilizar os políticos, díxose que o fuso español é froito dunha suposta preitesía de Franco a Hitler. Esta foi unha idea que lanzou unha asociación chamada Asociación para la Racionalización de los Horarios Españoles, hai cousa dunha década. Agora xa están recuando, porque algúns empezamos a levantar a verdade das cousas.

 

SG. Que opina Lito Prado desta cuestión histórica?

 

LP. Eu quero dar só un pequeno dado. En 1994 o Goberno australiano, precisamente en tempos de paz, si modificou os seus fusos, porque tiña tres, pero despois botando contas de tipo enerxético, por razóns única e exclusivamente económicas, engadiu un novo fuso horario, que é o da Illa de Lord Howe, de media hora.

 

SG. Á marxe das cuestións históricas, vaiamos ao cerne da cuestión. Si parece claro que Galiza é unha das zonas do planeta onde o seu fuso horario está máis afastado do día natural.

 

JM. Un cambio de fuso nunca vai alterar o ritmo dun país. De feito, se un analiza os ritmos de vida de países que están na mesma latitude -que teñen un nivel parello de exposición solar observa que as persoas fan as mesmas cousas a respeito dos puntos de saída e de posta de sol, que é o que marca o devir dun pobo. De feito, Sandford Fleming, que foi quen inventou os fusos, dicía que isto non é máis que unha convención, e que isto non vai cambiar nada porque a xente ten o seu ritmo marcado polo sol. Se mira un, por exemplo, o prime time, que se di que os españois viven fóra de hora, a raia de consumo televisivo en Italia e en España é exactamente a mesma.

 

Un cambio de fuso nunca vai alterar o ritmo dun país, Jorge Mira

 

LP. Eu son educador e a min gústame achegar símiles que poida entender a xente. No verán en Ourense, cun fuso horario desfasado, cando eu me meto na cama ás 00h, hai aínda media hora que empezou a baixar a temperatura, cando se tivese o meu fuso horario, eu xa me metería na cama cunha temperatura normalizada. O fuso horario é unha creación humana que nos permite coller esas horas de sol que temos por día, e podemos convir que o día comeza ás 11h, pero iso ten unhas repercusións económicas. Cal é o detalle? Nós entramos a traballar ás 8h, e velaí a importancia. Non é o mesmo entrar nun instituto pola noite, cando aínda non empezou a quentar o sol e que haxa que acender a calefacción. Se non, non tería sentido o cambio do horario de inverno. Cambiamos de horario porque moitos países con moitos estudosos decidiron que así se aforraba. Indo ao INE, vemos os dados. En España sitúase entre un 5 e un 7% o cambio estacional, pero é que en Barcelona sae un 7% e en Galiza un 2%. En París, entre un 13 e un 14%. Entón algo pasará aí para que nós non aforremos tanto.

 

SG. Jorge, ti defendes o mantemento do fuso no caso español. Se Galiza fose un territorio autónomo, cambiarías a túa posición?

 

JM. Imaxinemos que en Galiza cambiásemos ao fuso horario canario… Entón imaxinemos unha persoa que ten unha tenda que fecha ás 19h. E ve que se lle pon o sol. Ao día seguinte, decrétase o cambio. A persoa esta segue tendo o seu horario até as 19h. A vida do país quedaría desprazada unha hora á noite. E hai máis xente ergueita ás 19h que ás 6h. E por iso digo que valen máis estas horas que as outras. É que este é un xogo de trileiros. Se adiantas fuso para adiantar horarios, quedas igual que estabas. Se non o fas, quedas vivindo unha hora máis na noite. Por que me opoño ao cambio de fuso? Porque isto é un proceso que vai ocorrer naturalmente. O sistema social ten a súa inercia, e que lle chame 14 ao momento do mediodía ou 27 tanto ten. Se ti agora lle cambias esa referencia, o sistema vai volver buscar o equilibrio. É como un resorte.

 

Só hai dúas zonas cun horario máis desfasado que Galiza: o Tibet e Sinkiang

 

SG. Por que te opós entón?


JM. O custo da transición é o que a min me preocupa. Se se cambiase hoxe ao fuso canario, en dez anos acabariamos vivindo exactamente igual que agora. Pero neses dez anos teriamos un proceso de desbaraxuste.

 

LP. Este horario é a solución perfecta a un enunciado que ti formulas. Mais o enunciado que se formula toda Europa, cando di de facer un horario inverno/verán, é porque nas grandes industrias e a administración, a actividade maioritariamente empeza polas mañás. Fleming, que era un humanista, si era consciente de que era un artificio, pero dicía que había que adaptalo ao horario natural, porque nós somos animais e temos un horario interno. El recoñecía que ía haber territorios que ían verse prexudicados, pero que ben axustados ían rematar beneficiando a humanidade. Só hai dúas zonas cun horario máis desfasado que Galiza: o Tibet e Sinkiang, e unha loita polas liberdades contra a ditadura chinesa é vivir no seu fuso horario. E a xente é fusilada por ese feito. E a min gustaríame que alguén lle fose explicar que están a ser fusilados por unha parvada. 

 

SG. Podemos chegar a un punto común no que asumamos que vivir o máis perto posíbel ao horario natural é positivo?

 

JM. Non, esta é a gran falacia do asunto. Dá igual o número que eu lle asigne a cada momento natural, dá igual o número que eu lle asigne. Se eu lle asigno ao momento de xantar o número 14, este será igual que o momento 13 dos canarios.

 

SG. Pero hai unha convención social nos países industrializados de que hai que entrar a traballar, como moi tarde, ás 9h. E en varios meses do ano as galegas erguémonos de noite para ir traballar.

 

JM. E as italianas, e as francesas. A duración do día no inverno non é a mesma que no verán. Polo tanto, está máis que xustificado ese cambio estacional, que non ten nada que ver co fuso. Pero co día invernal, como se achica tanto no inverno, un debe elixir que fai. Meto para a noite ou para o día? O que eu digo é que a unha persoa da Veiga lle vai sentar mal cambiar o fuso horario se se lle fai de noite ás 16.30h.

 

LP. O cerne da cuestión é un problema económico e ecolóxico. É casual que cando as grandes eléctricas están a baixar beneficios, a perder xuízos con concellos… de súpeto xurdan tipos de argumentos que vaian encamiñados a aforrar enerxeticamente? Eu quero aforrar moito máis, porque unha das maiores facturas dos concellos é a do alumeado público, os edificios públicos. E iso como o podemos baixar? Co fuso horario, porque supón unha racionalización. E vólvoo repetir: as estatísticas están aí. En Madrid, co cambio estacional, están aforrando entre un 5 e un 6% a nivel enerxético.

 


 

Cambios de horario na guerra civil española

 

Na guerra civil española houbo multitude de cambios horarios, tal e como nos explica Jorge Mira: “A República mesmo chegou a pasar unha hora por riba da de Berlín. Franco cando entrou nas principais cidades da República, como el arrastraba o fuso de Londres, deuse o paradoxo de que ao entrar nestas cidades eliminou o fuso de Berlín e puxo o de Londres. Estes dados están baseados nun traballo elaborado por un astrónomo do Observatorio Nacional, onde está todo perfectamente datado e demostra que aquí houbo moitísimo abuso deste tipo de historias. Realmente o fuso actual débese a que, cando acabou a segunda Guerra Mundial, Charles de Gaulle decatouse dunha circunstancia xeográfica e mantivo o fuso horario. E Franco, que tiña pendente un cambio desde 1940, viu o que facían os franceses e quedou como estaba. Así que se alguén lle quere poñer un alcume ao noso fuso horario, que diga que é un fuso gaullista e europeo, porque De Gaulle xa estaba pensando na CECA, que foi o embrión da UE”.

 

Este debate apareceu no Sermos Galiza 243, publicado a 27 de abril de 2017.