Premiado e desafiuzado no mesmo día

Nicanor Acosta, Premio Marcelino Liste, esta cuarta feira na Coruña.
Nicanor Acosta (80 anos), distinguido esta cuarta feira co Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade, soubo do galardón apenas unhas horas despois de visitar os xulgados da Coruña para recoller a notificación de inicio do proceso de desafiuzamento do local no barrio da Agra, na Coruña, no que desenvolve o seu activismo e parte da súa vida desde hai máis de vinte anos. 

"A miña vida sempre estivo chea de contrastes", di este militante comunista que se botou de cura e defendeu sen papeis, vítimas de estafas bancarias e persoas desafiuzadas. "Agora sei de verdade o que se sinte na pel cando te desafiuzan". Ten dez días para opoñerse, mais xa pensa en buscar outro local sen ter que marchar do barrio. "A Agra necesita sitios como o Forum Própolis, e non son o único que pensa así".

Esta terza feira, a última hora da mañá, topou un sobre na porta do soto que serve de taller de bicicletas, local de reunións para colectivos diversos, almacén de libros e dormitorio ocasional. Abriuno é tiña un aviso do xulgado. "Pase, estabámolo esperando", dixéronlle. Recibiu a notificación e púxose a tremer, lembra. Acudiu rápido a un avogado de confianza que xa coñecía a situación do local, un baixo e un soto onde a rúa Barcelona toca co parque do Observatorio. Ambos conseguiran hai dous anos o compromiso do propietario de doar o local a unha asociación. Nicanor, que ten 80 anos e vive cunha pequena pensión, pensou que podía aforrar o alugueiro. 

Ambos conseguiran hai dous anos o compromiso do propietario de doar o local a unha asociación. Nicanor, que ten 80 anos e vive cunha pequena pensión, pensou que podía aforrar o alugueiro. 

Despois da visita ao avogado, "que foi quen puido tranquilizarme", recibiu unha chamada dun amigo do Foro Cívico que desde o ano pasado concede o Premio Marcelino Liste ao activismo veciñal en memoria dun home a quen Nicanor coñeceu estando "suspendido de cura, con Moncho (Valcárcel), púxenme a dar clases e el (Marcelino) era profesor de grego e xa un líder veciñal no tempo da ditadura, un home ao que non lle chego á sola dos zapatos".

En canto se fixo pública a distinción, Nicanor Acosta empezou a recibir parabéns. E os amigos empezaron a saber do problema co Forum Própolis, onde se acaba de recuperar unha asociación veciñal a partir dun grupo de vellos coñecidos que volveron organizar charlas ao redor da non violencia. "Como nos setenta", di Nicanor. A próxima semana, o día 12, a asociación ten programado un debate sobre a vivenda ao que asistirán representantes da universidade, da área de urbanismo do Concello da Coruña e de Stop Desafiuzamentos. "A miña vida sempre estivo chea de contrastes", repite Nicanor.

O 4 de decembro de 2019 fica fixado na súa memoria; a el, que pasou anos en Stop Desafiuzamentos apoiando afectados e denunciando na rúa a inxustiza e sendo sancionado pola Xustiza por facelo. Nicanor lembra outra data onde os contrastes empezaron a minar as súas conviccións. O 10 de setembro de 1960. "Con Franco dun lado e Quiroga Palacios [ourensán de Maceda, naquela altura cardeal] doutro, na praza de María Pita chea de xente e coa guardia mora de Franco formada no centro, eu fun o encargado de coroar a patrona da cidade. Despois do acto, vin como uns compañeiros lle preguntaban ao cardeal se lle levaban a Virxe do Rosario a Franco. Negou un tanto enfadado. Tempo despois souben que o cardeal recibía as noticias do que pasaba en España cada vez que ía a Roma e se entrevistaba con exiliados. Aquí vivíamos sen decatarnos de nada... un pouco como agora. Antes era a ditadura, agora son os medios de comunicación que aplanan todo e a todos", confesa desalentado. 

O avogado explicoulle que hai dez días para contestar á orde. Mais tal como están as cousas, Nicanor empezou a buscar un local no barrio da Agra. O límite son os 400 euros que estaba pagando. Pero non quere deixar o barrio. O activismo da Própolis, que comezou como tenda de comercio xusto "e crebou", e despois foi tenda de libros de segunda man grazas a que un mozo lle deu un cheque por 100.000 pesetas para que continuase, e pouco máis tarde foi refuxio de senegaleses que constituíron unha asociación e fixeron a Nicanor socio de honra, "ten sentido neste barrio, non o vexo noutro". 

Nicanor Acosta recibirá o galardón como activista veciñal o día 13. E xusto o día anterior, o 12, hai cita na Própolis, cun tema candente: o dereito a teito.