Premian Gadis por "fomentar un estilo de vida saudábel"
Os Supermercados Gadis recibiron esta cuarta feira un premio do Clúster Alimentario da Galiza por "potenciar un estilo de vida saudábel" a través das súas redes sociais.
O organismo concedeu un dos galardóns correspondentes á categoría estratexia de mercado por achegar propostas aos seus seguidores e seguidoras en redes para "levar a cabo unha dieta equilibrada e practicar un consumo responsábel".
Máis de 60 empresas do sector presentaron as súas candidaturas a estes premios, que alcanzan a oitava edición, e que se entregaron nunha gala que tivo lugar na Cidade da Cultura.
O xurado, reunido previamente hai unhas semanas, valorou positivamente que un dos propósitos de Supermercados Gadis é "promover a alimentación saudábel entre a sociedade". Destacou, ademais, a "divulgación de coñecementos sobre distintos temas relacionados con este obxectivo".
Aposta por xerar "un impacto positivo na sociedade"
A coordinadora de Marketing Dixital e Contidos de GADISA retail, Alexandra Kuntz, recolleu este galardón, que "referenda a aposta de Gadis por xerar un impacto positivo na sociedade, neste caso, contribuíndo a fomentar un estilo de vida activo e saudábel que xera maior benestar", segundo explica a compañía nun comunicado.
A compañía detalla que aborda esta cuestión "transversalmente", sendo un dos eixos do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa.
Nos Supermercados Gadis, ademais, "incentívase a compra de produtos frescos e de tempada, así como a venda en mostrador tradicional, que evita o desperdicio incidindo nun consumo máis responsable e axustado ás necesidades dos clientes".