LUIS TAPIAS, ECóLOGO E INVESTIGADOR

"Prescindir do coñecemento nun país é un drama"

Luís Tapia en Río Grande do Sul, Brasil

Conversamos cun dos investigadores que foron excluídos dos programas post-doutorais da Xunta por ter feito parte dos plans do bipartito. 

Luís Tapia é ecólogo e traballa en materia de conservación de especies mais tamén de hábitats. Traballa como investigador vencellado á Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde defendeu a súa tese doutoral. Aliás, estivo en Idaho (EUA), en Noruega e no Centro de Conservación de Doñana (Sevilla). As súas investigacións céntranse na política forestal galega e nas consecuencias ecolóxicas que esta ten, alteración dos ecosistemas e degradación de hábitats fundamentalmente. 

Este investigador formouse nos EUA e Noruega para alén da Galiza e estuda as consecuencias da política forestal na degradación dos hábitats e a alteración de ecosistemas en especies ameazadas

Este investigador, de 46 anos, fai parte do colectivo Ángeles Alvariño, un programa post-doutoral deseñado durante o goberno bipartito e que ficou excluído dos plans da Xunta após a chegada do Partido Popular no 2009. Tapia asegura que "o debate vai alén do que pasou co noso colectivo" pois "é unha cuestión estrutural" que atinxe a concepción e o valor que se outorga ao propio coñecemento. 

Emigrar é máis que unha posibilidade?
Se me vou irei aos EUA, non quero sorpresas. A miña situación agora é de supervivencia pura e dura. Durante estes anos estiven mesmo a costear do meu peto a repetición do mostreo da miña tese co que obtiven unha información moi importante sobre mudanzas na política fortestal e a destrución das poboacións de mato. Neste país non se está a cumprir a lei, nen sequera a europea e aplícase unha política que non está baseada na produtividade. É un auténtico despropósito a política forestal deste país. Aliás, a administración está moi puenteada polos intereses das empresas. 

O coñecemento está dirixido. A administración quere potenciar determinadas áreas que coida prioritarias en virtude do mercado laboral

Que está a acontecer coa investigación?
O problema é que o coñecemento está dirixido. A administración quere potenciar determinadas áreas que coida prioritarias en virtude do mercado laboral. Doutra banda, nas universidades, sen taxa de renovación, non hai posibilidades. O profesorado fica até os 70 anos e nós, embora termos formación, non temos opcións. De facto, canta máis formación máis difícil é que te empregues. Estase a xerar unha realidade baseada en man de obra pouco cualificada e salarios miserentos pois a capacidade de absorción [laboral] do sistema é a que é. 

Que diferenzas hai a respeito da realidade dos EUA, por exemplo?
Non teño os dados aquí mais das 100 mellores universidades do mundo 80 son norteamericanas a nivel de produtividade [académica]. Alí o financiamento é case 100% privado. É un país que aposta na investigación, só hai que comparar o investimento do PIB. Está moi lonxe do resto e xa que dicir do Estado español. Aquí aproveitouse a crise para meter a tesoira. Nos EUA confían no coñecemento e este é permeábel a todas as áreas, tamén á administración. En troca, aquí hai interese porque as cousas estean estancadas. Ademais, falta compromiso por parte das empresas privadas por financiar a investigación. É unha cuestión de compromiso. En ningún país sobra xente preparada. 

Aquí aproveitouse a crise para meter a tesoira. Nos EUA confían no coñecemento e este é permeábel a todas as áreas, tamén á administración

Aquí concíbese máis a produción de coñecemento como un gasto en troca dun investimento?
Para sacar rendemento a un traballo de investigación requírese constancia. Non se fai dun día para outro mais desde a administración teñen unha visión curto-pracista. Cren niso e no que os empresarios coidan prioritario. Aquí cren que son vello [Luís Tapia ten 46 anos] cando estou no mellor momento, por madurez e por coñecemento. Mais hai cousas que non interesan como, por exemplo, dicir que a política forestal é totalmente falida, que dilapidan cartos públicos para non conseguir nada. Gostaría de ter unha conversa co conselleiro, sen protocolos. O debate vai para alén do que pasou co noso colectivo e abrangue tamén á Universidade. É unha cuestión estrutural mais tamén un debate incómodo. 

O debate vai para alén do que pasou co noso colectivo e abrangue tamén á Universidade. É unha cuestión estrutural mais tamén un debate incómodo. 

Non se valora o coñecemento?
Prescindir do coñecemento nun país é un drama. Que nos queda entón? Unha diáspora de xente preparada, unha vez máis porque isto non é nada novo. Mentres non mudemos a mentalidade isto seguirá así. E non o digo eu, dille isto a un finés e alucina. O coñecemento é a chave dunha sociedade, para o bon e para o mao. Ten que ser integrado e facelo permeábel. Porén, aquí isto non acontece. Teño un amigo, un tío brillante, que estivo a traballar para a Comisión europea. Foi capa da revista Science polas súas investigacións a respeito da contaminación de arsénico.  Pasou as avaliacións mais a universidade non é quen de darlle estabilidade [laboral]. O drama ten nome e apelidos. A realidade é moi precaria.