A presión hospitalaria descende lixeiramente na Galiza, mentres os novos positivos baixan do milleiro

Cribado masivo en Monforte de Lemos [Imaxe: Carlos Castro / Europa Press].

Os casos activos volven caer en case 800, até se situaren nos 20.887, e a taxa de positividade descende até o 6,4%. 

A presión hospitalaria provocada pola pandemia do coronavirus volveu baixar na Galiza, aínda que lixeiramente, ao rexistrar 1.283 pacientes ingresados, seis menos que 24 horas atrás. Ademais, caeron por baixo do milleiro, até os 919, os positivos de covid-19 detectados, mentres que os casos activos reducíronse até os 20.887.

Así se desprende dos datos publicados este sábado pola Consellaría de  Sanidade con rexistros até as 18 horas de onte, nos que se reflicte que hai 247 pacientes covid nas unidades de coidados intensivos (UCI) galegas, catro menos. En canto aos ingresados en planta, son 1.036, tras un descenso de dous.

Neste contexto, as únicas dúas áreas sanitarias nas que medrou a presión hospitalaria son Santiago-O Barbanza e Lugo-A Mariña-Monforte. En canto ao distrito da capital galega, conta con 180 enfermos de coronavirus ingresados -seis máis-, dos que 44 están en unidades de críticos -un máis-; mentres que no lucense son 97 hospitalizados -seis máis-, 30 deles -tres máis-.

En canto ao resto, todas elas viron descender a cifra de ingresados. Na área da Coruña-Cee, son 368 hospitalizados (-7), dos que 81 están en UCI (-4). Segue a de Ferrol, cun total de 185 ingresados (-5), aínda que se manteñen en 25 os que están en coidados intensivos.

En Ourense-Verín-O Barco hai 162 hospitalizados (-10), 17 deles (-1) en UCI; na de Vigo baixaron lixeiramente os ingresados, até os 161 (-1), dos que 26 (sen cambios) están en críticos; e en Pontevedra-O Salnés caeron até os 130 (-9), con 24 en UCI (-3).

Casos activos

Tamén a cifra global de casos activos -persoas que aínda padecen a enfermidade- continúa coa súa tendencia descendente despois de encadear cifras récord durante semanas. Nos datos deste sábado, Sanidade informa dun total de 20.887 pacientes de covid, 799 menos que unha xornada atrás.

De feito, esta baixada é sostida en todas as áreas sanitarias. A da Coruña-Cee é a que máis casos activos acumula, cun total de 5.542, aínda que rexistrou unha caída de 171 nas últimas 24 horas. Seguen a esta a de Vigo, cun total de 3.469 pacientes (-178), e Santiago-O Barbanza, con 3.183 (-156).

Pontevedra-O Salnés conta con 2.562 enfermos de covid (-14), Ourense-Verín-O Barco con 2.409 (-169); Lugo-A Mariña-Monforte, con 1.957 (-66); e Ferrol, con 1.765 (-45).

Os descensos na cifra de casos activos significan que se produciron máis altas que novos diagnósticos. En concreto, nas últimas 24 horas curáronse 1.694 persoas do coronavirus, polo que a cifra total da pandemia sitúase nos 80.537.

Novos casos e positividade

Os novos casos de  covid detectados -por diferentes tipos de probas- tamén descenderon, até o total de 919 positivos nun día -808 confirmados cunha PCR-, que son 172 menos que os notificados o día previo.

Por áreas sanitarias, a da Coruña volveu a ser a que máis contaxios detectou, con 251 novos, seguida de Vigo, con 156; Santiago, con 130; e Pontevedra, con 114. Por baixo da centena están as áreas de Lugo, con 91; Ferrol, con 90; e Ourense, con 77.

En canto á taxa de positividade na Galiza -porcentaxe de infeccións por PCR realizadas- descendeu a un 6,4%, desde o 8% da sexta feira.

Con todo, o país aínda se atopa lixeiramente por enriba do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia e leva sen baixar desa cifra desde o 24 de decembro.

Falecidos 

Pola súa banda, até a data morreron na Galiza 1.934 persoas diagnosticadas de coronavirus, tras informar a Consellaría de Sanidade de 24 falecementos na noite da sexta feira -varios deles, correspondentes a días anteriores-.

Destas 24 vítimas mortais, catro estaban vinculadas con residencias de anciáns e unha quinta, cun centro de atención á discapacidade.

Desde que comezou a pandemia, na Galiza diagnosticáronse de coronavirus a un total de 103.343 persoas. A área sanitaria da Coruña-Cee acumula 23.861 do global de infeccións, seguida de Vigo (19.654), Santiago-O Barbanza (16.865), Ourense-Verín-O Barco (13.844), Pontevedra-O Salnés (11.137), Lugo-A Mariña-Monforte (10.772) e Ferrol (7.210).