O presunto autor da morte dunha muller en Valladolid é detido en Vigo

Un coche da Policía. (Foto: Europa Press)
O detido xa foi trasladado a dependencias policiais, onde se procederá a tomarlle declaración.

O presunto autor da morte dunha muller de forma violenta nun domicilio dun barrio de Valladolid (Castela e León), foi detido na tarde desta segunda feira na cidade de Vigo, segundo informaron fontes da Delegación do Goberno español. O detido xa foi trasladado a dependencias policiais, onde se procederá a tomarlle declaración.

Efectivos policiais buscaban ao xa detido desde a mañá desta segunda feira, cando se tivo coñecemento dos feitos que se produciron sobre as 8.20 horas da mesma xornada. Foi nese momento cando se requiriu a presenza dos Bombeiros para sufocar un incendio ocorrido na vivenda da rúa Sisón de Valladolid, até onde se desprazaron efectivos da Policía.

Durante as tarefas de extinción, os bombeiros localizaron o cadáver dunha muller que "estaba parcialmente queimada e que tiña signos evidentes de violencia allea ao incendio", segundo explicou o subdelegado do Goberno español, Jacinto Canales.

Segundo Europa Press puido saber a partir de fontes do caso, a vítima presentaba distintas feridas por arma branca en varias partes do corpo. Ademais, como consecuencia do incendio faleceron os seus tres cans pola inhalación de fume.